Conservas Isabel pon fin a 20 anos de patrocinio da Mequiña, e a 6 de esponsorización de Cuca á traíña vilaxoanesa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

O C.R. Mecos fai un chamamento público para conseguir un substituto que compense a forte perda de ingresos tras o adeus decidido pola multinacional italiana Bolton Food

10 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Conservas Isabel vén de convertirse en pasado no Club de Remo Mecos. A súa presidenta, María Luisa Barreiro Gondar, desvelou onte que a multinacional italiana Bolton Food, propietaria da factoría e da marca meca desde a adquisición da totalidade do capital de Conservas Garavilla no ano 2016, «comunicounos hai dous ou tres meses que non continuaban co patrocinio ao noso club. Despois de 20 anos, Conservas Isabel deixounos de patrocinar».

A nova supuxo un duro golpe para a entidade, nun momento no que apenas se acertaba a ver a gravidade do impacto a todos os niveis que trouxo a pandemia do covid-19. E se ben Mecos mantén a Aguas de Mondariz, o seu outro histórico apoio privado, cun cuarto de século ligado ao club, María Luisa Barreiro advirte do gran buraco que se abríu na modesta economía da sociedade deportiva. De aí que lance un chamamento a calquera firma empresarial interesada en poñer o seu nome na proa da Mequiña, consolidada como unha das grandes embarcacións do mundo das traíñas en Galicia, e cunha das canteiras máis laureadas do remo español.

O C.R. Mecos non foi o único damnificado pola nova política de patrocinios adoptada polos responsables de Bolton Food. O C.R. Vilaxoán tamén perdeu a Cuca como espónsor principal tras 6 anos poñéndolle nome comercial ao club. Un patrocinio iniciado pouco despois da moi impopular decisión da dirección naquel momento de Conservas Garavilla de pechar a histórica factoría vilaxoanesa e trasladar as súas traballadoras á fábrica meca de Conservas Isabel.