Unha forma de relacionarse intimamente coa natureza


Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, presentou este venres unha nova iniciativa que busca fomentar «unha nova forma de relacionarnos intimamente coa natureza». Deste xeito, e baixo o nome de Bosques Terapéuticos, impulsa unha iniciativa que conxuga «natureza, exercicio, saúde, cultura e historia» e que promoverá durante este verán as visitas guiadas interpretativas a cinco parques forestais da provincia: Freaza (Fornelos), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Costa de Oia e Serra da Groba (Oia).

Detrás desta idea, que vai desenvolver a Deputación, está o artista pontevedrés Sergio Portela, a experta Isabel Fernández e o enxeñeiro forestal Alfredo Agra.

«É a hora de que os valores medioambientais formen parte da acción política, de ser serios e tomar decisións de pasar da palabrería á acción», manifestou Carmela Silva aludindo aos graves problemas ambientais, como a perda da biodiversidade, os incendios ou o desmesurado consumo. A presidenta da Deputación vinculou a problemática medioambiental coa pandemia: «É a hora dos políticos e as políticas valentes e de que se poñan a liderar o cambio e defender outros modelos. Se moitos xa considerabamos que iso había que facelo, despois do covid-19 ninguén pode poñer en dúbida que vai cambiar a especie humana. Porque este coronavirus como moitos outros veñen derivados da perda da biodiversidade, entre outras cousas».

Neste eido, Bosques Terapéuticos conxugará as visitas guiadas aos cinco parques forestais coa interpretación dos elementos patrimoniais que albergan, dende xacementos arqueolóxicos e construcións tradicionais ata áreas recreativas. «Imos ofrecer ás persoas que queiran participar a posibilidade de desfrutar cos sentidos de auténticos baños de bosque, un proxecto novidoso en Galicia e en España», engadiu.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha forma de relacionarse intimamente coa natureza