«Miña nai pasou toda a vida no mar e non tivo pensión; iso cambiouse con traballo»

Gondar é unha desas mulleres que lle deron ao marisqueo a pé o status laboral que merece


o grove / la voz

Hai quen di que un gran líder é aquel que sabe rodearse dun grande equipo. Lola Gondar é unha demostración práctica dese axioma. Leva unha chea de anos á fronte do sector do marisqueo a pé do Grove, xestionando os recursos dos que dependen centos de familias, e nunca esquece que o mérito «é de toda a xente que traballa», por un lado, e polo outro, xa de forma máis concreta, «das miñas compañeiras directivas, que todo isto non o fago eu soa». Ten razón Lola ao reivindicar o traballo colectivo: á fin e ao cabo, é unindo forzas e vontades como se move o mundo cara aos mellores horizontes. Ela sabe bastante diso. Aprendeuno de ben nova.

Lola Gondar naceu no Grove, nunha familia «que vén do mar». Seus pais, e xa antes seus avós, vivían do peixe e do marisqueo. «Traballaban tamén algunha terriña, pero do que vivían era do mar. Así que eu, dende ben cativa, se non había escola ía con miña nai á seca». Como tantas outras mozas do Grove, antes de chegar á maioría de idade Lola xa traballara na conserva e na hostalaría. E cando non había faena nin nun lado nin no outro «ías mariscar». Así eran as cousas daquela. Baixar á praia era unha forma de achegar uns cartiños extra ás contas da familia. Un complemento que sempre viña ben. Máis nada.

Empezaba a correr a década de 1980 cando Lola Gondar casou e tivo o seu primeiro fillo. Daquela deixou os seus outros traballos e quedou só co de ir á seca. «O marisqueo é o mellor traballo do mundo. Permíteche compaxinar o coidado dos fillos, dos maiores, estás ao aire libre, non tes un xefe...», reflexiona Lola dende o presente. Nos oitenta as cousas non pintaban tan ben: a actividade non estaba recoñecida laboralmente, así que as mulleres non pagaban seguridade social, pero tampouco tiñan os dereitos asociados. E o marisco «vendíase polas casas, e pagábancho como querían».

Lola non tardou en querer mudar esa situación. Nos anos noventa, cando xa nacera o seu segundo fillo, eran moitas as mulleres que pensaban coma ela. «Empezamos a organizarnos. Miña nai pasou toda a vida no mar e quedou sen pensión; iso era algo que había que cambiar, e conseguímolo», lembra Lola. «Houbo que pelexar bastante, incluso con algunhas das mulleres que ían á seca e que non querían saber nada de organizarse. Xa se sabe que cando empezas unha cousa nova custa traballo». Tamén houbo resistencia entre os homes. «Habíaos que non nos querían na confraría. Aí tamén tivemos que pelexar». Pero gañaron a batalla. «Tiven que pagar 3.000 pesetas daquela para facerme socia da confraría do Grove; aínda gardo o papel na casa», recorda Lola.

A entrada na confraría non foi máis que o inicio dun novo capítulo na loita pola organización do marisqueo a pé. As mulleres mecas eran pioneiras nesa batalla no contorno máis inmediato, e custou traballo facer entender aquela mensaxe súa de que non se podía coller todo o marisco que se quixera, como se quixera e cando se quixera. «Hai que ter en conta que daquela A Toxa e O Grove enteiro estaba cheo de furtivos». Pero finalmente aquela revolución que se estendía por toda a costa galega callou. As mariscadoras xa non só sacaban marisco: tamén o sementaban, e limpaban os bancos dos excesos de algas. O traballo multiplicouse para o colectivo; a toma de decisións, que Lola asumiu no 2003, tamén. A batalla comezou a virar para se concentrar en conseguir «que o marisqueo sexa un traballo, e un traballo digno, cuns ingresos dignos. Non é fácil, porque o noso produto está ao aire libre, dependemos do clima, da contaminación, de tantas cousas...». No Grove, as mariscadoras nunca se constituíron en agrupación dentro da confraría. «Sempre quixemos estar directamente nos órganos do goberno do pósito», reivindicando o peso que o seu sector ten. Ata o de agora, a fórmula funcionou ben. «Paco [Iglesias, o ex patrón maior do Grove] sempre nos apoiou, e agora Toño [Otero, actual patrón] tamén; sempre houbo colaboración coa confraría».

«Cando foi do Prestige pensei que xa non iamos acordar nada peor... E mira, unha pandemia»

Aínda que sempre participou de forma activa no proceso de organización do marisqueo, Lola Gondar non colleu as rendas ata comezos deste século. Acababa de asumir o cargo cando a costa galega afrontou unha das crises máis negras que se acordan: un petroleiro avariado fronte ás costas galegas e unha xestión errática do barco provocaron unha marea negra. Falamos, claro, do Prestige. «Aquilo foi horrible. Non sei nin cantos quilos adelgacei naquel tempo...», di Lola Gondar. O edificio da confraría do Grove, reconvertido en base de operacións da resistencia contra o chapapote, fervía de día e de noite. «Naquel momento todos fixemos unha piña. Bateeiros, mariscadoras, mariñeiros... Todo o pobo, xente de terra e de mar», lembra Lola, que apenas contén a emoción cando recorda aquela marea de voluntarios que chegaban dende todos os puntos do continente para botar unha man.

Afortunadamente, espertamos daquel pesadelo. «Eu pensei que xa non imos acordar outra peor ca esta... E mira agora, unha pandemia mundial». A declaración do estado de alarma e a paralización do mundo, tamén do do mar, foi «un momento terrible. Non sabiamos que facer nin por onde tirar, todo eran dúbidas». Co tempo, as mariscadoras volveron á faena. «Tiñamos que volver para non perder os mercados, para impedir que outros produtos nolos quitaran», conta Lola. Ela sabe ben que están a ser tempos difíciles para o marisqueo, pois, aínda que hai vendas en lonxa, os volumes son moi baixos, insuficientes para soster a todos os que viven dos froitos que medran entre as areas. Acostumada a loitar contra vento e marea, Lola está lista para unha nova batalla nesa nova normalidade que nos anuncian. A estratexia é a mesma de sempre: traballo e colaboración; esforzo e equipo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Miña nai pasou toda a vida no mar e non tivo pensión; iso cambiouse con traballo»