A incerteza das festas do marisco deixa no aire o 50 % do orzamento dos clubs da Illa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Concello solicitoulle a semana pasada a Portos de Galicia os permisos de ocupación do Cantiño este verán

29 may 2020 . Actualizado a las 11:00 h.

Dous meses, xa nin eso, restan para que o paseo do Cantiño se transforme na maior marisquería ao aire libre da ría; ou non. A Festa da Navalla debería de inaugurar o 24 de xullo a sucesión de sete citas gastronómicas a cargo dos catro principais clubs da Illa, cos tres últimos días de cada semana ata a primeira de setembro ocupando os seus directivos e colaboradores nun ir e vir de viandas mariñas de primeira calidade, servidas co único fin de alimentar de recursos económicos as súas respectivas entidades deportivas. O estado de restricións á mobilidade xurdido da pandemia do covid-19, e a posibilidade real dun rebrote do coronavirus en calquera momento deixan no aire a celebración dos festexos gastronómicos, poñendo en perigo, informan os propios afectados, o 50 % dos orzamentos do Céltiga, do Piragüismo Illa, do C.B. Dorna e do Club Ximnasia Rítmica Arousa.

A semana pasada o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, tramitaba os permisos de ocupación do Cantiño ante Portos de Galicia, o ente autonómico titular do paseo, nas datas das sete festas gastronomico-deportivas. Fíxoo, di, sabedor de que se trata do «ingreso principal destes clubs», de moi difícil substitución por outras vías.

Ao C.B. Dorna lle toca este ano arrincar a serie de festas culinarias, do 24 ao 26 de xullo coa Festa da Navalla. O seu presidente, Alfredo Padín, non fala de medo, si de «ser realistas» cando se lle pregunta pola viabilidade de seguir adiante co programado na actual situación. E «se non se fai», conta, «os cartos haberá que buscalos debaixo das pedras». Unha afirmación que apoia sobre certa dose de confianza, proporcionada polos aforros que, sinala, traballou a súa directiva nestes seis anos para «non atoparte nunca cunha man diante e con outra detrás».

En parecidos termos se manifesta o voceiro do Céltiga, Álex Zels, quen salienta o colchón que lle dá o seu tamén labrado superávit ao club de fútbol para, cando menos, aguantar un ano sen apertos. Con todo, declara, «o mellor é que as houbera -as festas-, inda que fora con medio aforo». No caso do Céltiga, cunha media de 3.000 comensais diarios nas 11 xornadas da súa Festa de Produtos do Mar repartidas entre as tres fins de semana centrais de agosto. Zels entende que o paseo do Cantiño permite implementar as medidas de control de acceso, de aforo e de distancia de seguridade que requiren os novos tempos, inda que esixa «máis esforzo humano» por parte dos clubs.

Que «haberá restricións» dao por descontado María Herminia Varela. Iso, dubidando moito que o C.X.R. Arousa que preside poida organizar a Festa do Mexillón o 31 de agosto e 1 e 2 de setembro. Varela lembra que «as Festas do Carme, unha semana antes da Festa da Navalla, están canceladas». Vendo tan de preto o adeus ao 50 % dos ingresos do club, a directiva amosa ese inconfundible perfil de cidadán da Illa: «Non sabemos como, pero buscaremos maneiras para compensalo».

Máis pesimista se lle ve ao presidente do Piragüismo Illa, Arturo Paz, coas festas da ameixa roxa e do polbo ao seu cargo e beneficio: «¡Bufff! Eu non son moi optimista. E se non se poden celebrar, ¡que Deus nos colla confesados!».