Os clubs de piragüismo son os primeiros en volver adestrar

AROUSA

MONICA IRAGO

A maioría dos padexeiros de Arousa traballan de novo cos seus técnicos, incluídos os nenos

27 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Igual que as comunidades autónomas avanzan a distinto ritmo cara a chamada nova normalidade, no mundo do deporte comézase a ver o mesmo fenómeno entre as diferentes especialidades. Superada a desigualdade inicial na recuperación do uso do espazo público, asoma unha nova escala de tempos en función da disciplina. E na vangarda, o piragüismo.

Pendentes da chegada do material de hixiene e de desinfección que lle está a entregar a Federación Galega a cada club, e do obrigado permiso dos seus concellos para o uso de cadansúa instalación municipal, o Náutico Pontecesures e o Depornáutic de Vilagarcía son hoxe xa os únicos clubs do sur de Arousa pendentes de volver en bloque aos adestramentos. Unha circunstancia que converte o piragüismo no primeiro deporte colectivo en dar os primeiros pasos da senda da nova normalidade na comarca.

Tanto é así, que despois de iniciar a volta ao traballo dos seus padexeiros a comezos da semana pasada, hai quen ten xa a todos os seus integrantes de regreso aos adestramentos. Incluidos os máis pequenos, os menores de 14 anos. É o caso do Náutico O Muíño e Piragüismo Cambados, aos que hoxe se suma o Breogán, mentres no Piragüismo Illa e nas Torres-Romaría Vikinga prefiren agardar á fase 3 para chamar xa só aos máis cativos, os benxamíns e alevíns.

«Os chavais estaban tolos por vir. Consultámoslles aos 60 padexeiros que temos de infantil para abaixo se querían regresar aos adestramentos mañá -por hoxe-, e agás 3 ou 4, todos nos dixeron que si», comentaba onte o presidente do Breogán, Félix Lamas.

Loxicamente, o regreso estáse a facer seguindo rigorosamente a normativa fixada ao respecto polo Ministerio de Sanidad. En materia de hixiene, con cada deportista entrando de a un nas naves do club tan só para recoller e devolver a súa piragua antes e tras o adestramento, aplicándose xel hidroalcólico, traballando en grupos de non máis de dez padexeiros co seu adestrador, mantendo as distancias de seguridade de 2 metros en paralelo e de 10 de proa a popa doutro barco, e cunha desinfección xeral dos barcos e das instalacións a cargo dos clubs ao termo de cada xornada.

Unha nova normalidade que supón para os clubs multiplicar as horas de traballo, pero tamén, dinos o director técnico do Muíño, José Manuel Vázquez, «unha vantaxe para o deportista ao formarse en grupos máis reducidos»,