¿Que concellos me deixan volver xogar ao tenis e pádel, ou correr sobre tartán?

AROUSA

MARTINA MISER

Oito das once localidades da zona reactivaron unha pequena parte das súas instalacións deportivas municipais na fase 1

24 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 11 deste mes Galicia entraba na fase 1 da desescalada deseñada polo goberno central como transición entre o confinamento puro e duro co que arrincou o estado de alarma vixente, e a chamada nova normalidade, na que tocará consolidar boa parte dos incómodos pero tan necesarios hábitos sanitarios e de relación e distanciamento social na longa espera por unha vacina contra o covid-19. Entre as novidades da fase 1 figuraba a liberdade de calquera cidadán, sexa ou non deportista federado, de desprazarse ao longo e ancho da súa provincia para facer uso de calquera instalación deportiva ao aire libre.

En Arousa cinco dos seus once concellos deron o paso de abrir esta fronte da desescalada, permitindo de novo a actividade nunha reducida parte das súas instalacións municipais. Unha apertura que permite volver gozar dun partido un contra un de tenis ou de pádel -non é posible inda xogar por parellas-, ou da sensación de correr sobre o tartán dunha pista de atletismo. Respectando as novas directrices hixiénicas e sanitarias fixadas especificamente para este tipo de recintos, e debendo solicitar o uso a través de cita previa. A día de onte ningún concello da comarca se aventuraba a anunciar a reapertura de instalacións deportivas cubertas, fundamentalmente pavillóns polideportivos, opción contemplada na fase 2, na que Galicia debería de entrar o vindeiro luns. Alcaldes e responsables municipais de deportes din estar pendentes da posible flexibilización dos protocolos e dos aforos para proceder a novas reaperturas. Mentres, estas son as instalacións deportivas municipais nas que calquera cidadán, sexa ou non veciño do correspondente concello, pode xogar ou adestrarse neste momento; iso si, sen acceso aos vestiarios.

Tenis e atletismo en horarios reducidos que poderían ampliarse o luns. A Fundación Pública de Servizos Deportivos Municipais de Vilagarcía optou o mércores da semana pasada por facer uso da marxe de manobra fixada na fase 1 en materia de instalacións deportivas, reabrindo a pista de atletismo e as catro de tenis do complexo polideportivo de Fontecarmoa. Só catro horas ao día, de 9 a 10 e de 20 a 23, horario reducido que a Fundación ten previsto ampliar a partir do vindeiro luns se, como é previsible, Galicia entra na fase 2 da desescalada. Ata onte a demanda da pista de atletismo estaba a ser reducida, con entre 2 e 5 persoas por hora, cando o límite se fixou en 10. Pola contra, si está habendo unha alta ocupación das pistas de tenis na franxa vespertina, por momentos de ata o 100 %. Os interesados deben solicitar cita previa chamando ao 661 545 031, cun límite dunha hora ao día de uso.

 

Cambados

Raqueta e tartán de 19 a 23 horas. Este é o horario para poder usar a pista de atletismo e as tres de tenis do complexo deportivo do Pombal desde o martes da semana pasada. Ata onte ninguén amosou interese pola primeira, limitada a tres usuarios por hora, mentres que no deporte da raqueta as instalacións están sendo ocupadas ao 50 %, contan desde o departamento de deporte do Concello de Cambados. Para facer uso das instalacións reabertas é preciso concertar cita previa no número de teléfono 986 520 910, chamando de 10 a 14 ou de 19 a 22 horas. Pódese reservar unha hora semanal, ampliable a dúas se á hora seguinte a pista está libre.

vilanova

Pádel e tenis. A petición da Escola de Tenis Vilanova, o Concello reabríu a pista municipal do Terrón, da que fai uso entre 2 e 3 horas diarias. O recinto está aberto da mañá á noitiña, podendo solicitar o seu uso calquera persoa chamando ao número de teléfono do departamento de Deportes de Vilanova, 986 561 530. O mesmo acontece coa pista de pádel que o Concello ten no Pazo de Vista Real, neste caso, limitado ao horario das oficinas municipais, de 9 a 14 horas.

Catoira

Once horas para o baloncesto, ademais de pádel e de tenis. Desde o pasado luns, día 18, o Concello de Catoira permite facer uso da súa pista de pádel no lugar do Outeiriño, das dúas canchas de tenis en Balastrera (Oeste) e da pista de baloncesto e polideportiva de Abalo; dúas persoas ao tempo no primeiro caso, unha no segundo. O horario de uso é de 11 a 22 horas, cun máximo de 2 horas por día, con cita previa 24 horas antes a través do correo electrónico cultura@catoira.gal.

Valga

Raqueta e pa. A pista de tenis e a de pádel do complexo polideportivo de Campaña poden ser usadas unha hora ao día, ampliable se non hai máis demanda, sen horarios nin necesidade de cita previa.

Situación desigual no piragüismo, co Breogán prevendo retomar o traballo o luns cos menores

 

 

Ademais de Vilagarcía, de Cambados, de Vilanova, de Catoira e de Valga, outros tres concellos arousáns reabriron unha pequena parte das súas instalacións deportivas municipais. Nos casos do Grove, de Ribadumia e da Illa, a reapertura cínguese aos hangares das sedes dos seus tres clubs de piragüismo, ampliando aos deportistas federados o acceso aos mesmos tan só para coller e devolver as súas embarcacións antes e despois dos seus adestramentos, como xa podían facer os Deportistas de Alto Nivel desde a fase 0. Unha medida adoptada a semana pasada polo Concello de Ribadumia, desde este luns polo da Illa, e o mércores polo do Grove. Vilagarcía, Cambados, Catoira e Cesures, tamén con clubs de piragüismo, inda non deron o paso.

No caso do Grove, a evolución da desescalada levou os responsables do Breogán a acordar co goberno local que a partir da vindeira semana o club poida retomar, cun protocolo específico, o adestramento de menores de idade, «xa que as novas normas permiten facer grupos de ata 10 rapaces acompañados dun adestrador».

O campo de golf de Meis e as pistas do C.T. O Rial, tamén de volta

 

 

Máis aló das instalacións deportivas municipais, en Arousa hai outros dous recintos ao aire libre de referencia que reabriron as súas portas seguindo as estritas novas normas de hixiene, de seguridade e de aforo marcadas polo goberno. Trátase do campo de golf de Meis, xestionado pola Fundación Monte Castrove, cunha notable demanda, e mais das instalacións do Club Tenis O Rial de Vilanova, con pistas de tenis e de pádel.