«A Alberto García pídolle que pense no mellor para Catoira e para o PSOE»

Serxio González Souto
serxio gonzález CATOIRA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

A maioría do grupo socialista entende que o exalcalde deba dar un paso ao lado a favor da gobernabilidade

24 may 2020 . Actualizado a las 21:05 h.

Aínda que asinou a moción de censura que Alberto García negociara co Partido Popular, a de Daniel Touriño Grela (Catoira, 1986) foi unha das primeiras voces que cuestionou a alianza que lle abriría as portas do goberno municipal aos conservadores de Iván Caamaño. Ocupou o número seis da candidatura e se incorporou logo da dimisión dunha compañeira. Enfermeiro e técnico superior en Documentación Sanitaria, é unha das referencias do PSOE para a reconstrución da vida política na vila vikinga.

-Como foi o día despois do pleno no que fracasou a moción? Supoño que habería treboada.

-Ben, en termos xerais non houbo, non. Sempre hai xente á que lle custa máis comprender o que sucedeu e que non acepta o tema, pero o 99 % de quen se puxeron en contacto comigo fixérono para amosar o seu cariño e dicirme que compartían a forma en que fixemos as cousas.

-Por que asinou vostede esa moción conxunta co PP?

-A moción asínase porque o Concello se atopaba nunha situación ingobernable. Os tres concelleiros do BNG estaban sós no goberno, sen poder apoiarse en ninguén nin sacar adiante ningunha xestión. Existían tamén temas persoais que enquistaban aínda máis esa situación. A única ferramenta que tiñamos para tentar cambialo era a moción.

-Pero unha moción que renxía.

-Si, está claro que non compartimos moitas ideas co PP. Certo é que nos pobos pequenos as liñas ideolóxicas están un pouco máis difusas, que se pensa un pouco máis na persoa ca no partido. Pero, aínda así, a maior parte da xente que está na lista deunos o impulso para parar a moción logo de que Castaño dimitise. Todos entendiamos que un goberno entre o PSOE e o PP non tiña sentido.

-Disque foi vostede un dos primeiros que a cuestionou.

-O que eu dixen dende o primeiro instante é que asinaba unha moción para favorecer a gobernabilidade do Concello de Catoira, para sacalo da situación de bloqueo. Pero que non ía votar por un goberno no que estivese o PP. Íame abster.

-Iso sabíao Alberto García?

-Sabíao, si, coma o resto dos compañeiros.

-Cal é a súa relación con el?

-Dende o momento no que nos falou de acompañalo na lista foi unha relación boa. Alberto fixo moitas cousas boas por Catoira e estámoslle moi agradecidos. Un dos impedimentos que existían para chegar a un acordo co BNG está salvado, e foi que Castaño dese un paso ao lado. Aínda que non o comparta, entendo que o Bloque reclame o mesmo de nós.

-Falou xa vostede con el?

-Seguimos en contacto, si.

-E el entende o que pasou?

-Non, cousa que tamén nos sorprende un pouco, porque insisto en que coa dimisión de Xoán Castaño a nós se nos facilita a formación dese goberno.

-Que lle pediría a Alberto García?

-Eu a Alberto pídolle que pense na gobernabilidade, na situación na que se atopa o Concello e no mellor para Catoira e, por suposto, para o propio PSOE.

-É probable que, se non marcha, sexa expulsado do PSdeG.

-Ben, antes de nada hai que ver cal é a súa idea. Eu confío en que reflexione sobre cal é a situación. Pode ser que queira seguir adiante cunha candidatura propia, pero en principio non podería reunir os apoios necesarios, e continuar por ese camiño só conduciría de novo á parálise e ao enquistamento.

-Que hai do cuarto concelleiro que mantivo o apoio á moción ou, polo menos, non se manifestou?

-Tamén seguimos en contacto con el. Agardamos chegar a un acordo. Sinceramente, espero que non haxa problemas para entendernos.

«Eu asinei a moción de censura para desbloquear o Concello, non para que gobernase o PP»

«Creo que se dan as circunstancias para acadar un goberno estable e progresista co grupo do BNG»

Aínda que non comezaron, parece claro que as negociacións entre PSOE e BNG para formar un goberno de coalición irán axiña. Touriño é optimista e apela ao precedente de hai un ano, logo das eleccións municipais.

-Se nos retrotraemos a esas negociacións vemos que se deu un entendemento entre as dúas formacións, progresistas e de esquerdas. Daquela, o BNG presentounos un documento con oito propostas, das que aceptamos sete. A oitava era a renuncia de Alberto e pareceunos inaceptable.

-Agora volve estar sobre a mesa.

-Nós entendemos tamén que Xoán Castaño debía apartarse logo do pleno aquel de investidura e o apoio, dende logo nada ortodoxo, que lle deu o PP. Era unha das nosas esixencias para parar a moción. Non o compartimos, pero comprendemos que o BNG queira agora que Alberto se faga tamén a un lado. As circunstancias, en calquera caso, mudaron moito e temos que procurar o mellor para a gobernabilidade e o benestar dos nosos veciños. Eu entendo que se dan as circunstancias para acadar ese goberno estable e progresista co grupo do Bloque. Hai que chegar si ou si a un acordo para acadar un goberno de esquerdas. Para iso foi que nos presentamos baixo o amparo do PSdeG-PSOE.

-Dígame, estaría disposto vostede a ser o aspirante do PSOE a acadar a alcaldía?

-Ben, o que teño que dicir é que foron os compañeiros da candidatura os que nos apoiaron á maioría dos concelleiros para tomar a decisión e negociar a formación dese hipotético goberno. É aí, tamén, onde se ten que decidir quen aspirará á alcaldía.

-Facilitarán, entrementres, o labor de María Paz?

-Sen dúbida, facilitaremos o traballo polo ben do noso pobo.