O Centro Galego de Vela segue pechado á espera do OK do CSD ou da Delegación

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

VelaBruno Gago confía en que se poida reabrir o vindeiro luns

21 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sede náutica do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, o Centro Galego de Vela de Vilagarcía figuraba no listado de instalacións especializadas chamadas á súa reapertura co inicio da fase 1 da desescalada do estado de alarma deseñada polo goberno central; isto é, o luns da semana pasada. Dez días despois, as portas do CGV seguen pechadas, coa única paréntese do xoves 14 e venres 15, cos seus tres empregados iniciando os traballos de desinfección do recinto na véspera da intervención a fondo dunha firma especializada do sector.

«De momento estamos pechados» e sen data de reapertura, informaba onte Bruno Gago, director do CGV e da Real Federación Galega de Vela. O motivo? «Inda non temos a confirmación nin do Consejo Superior de Deportes (CSD) nin da Delegación do Goberno de que o protocolo sanitario para o retorno e a reapertura do Centro que aplicamos baste». Tan só recibiron, sinala, o visto bo da Secretaría Xeral para o Deporte, da que depende a instalación, pero incompetente na materia ao pasar o CSD a exercer a máxima autoridade a todos os niveis do deporte español co estado de alarma.

Hai unha segunda razón, conta Gago, para manter pechado o CGV: «A maior parte dos deportistas dos nosos programas de tecnificación navegan en embarcacións dobres. Consultamos tamén se podían saír adestrar, e non temos tampouco confirmación de que o poidan facer». E iso, pese a solicitar a aclaración ao delegado do Goberno en Galicia o mesmo día da entrada en vigor da fase 1, o luns 11. A xa só media semana para o inicio da fase 2, Gago manifesta a súa esperanza en que unha ampliación da normativa sobre a vela nesta nova fase desatasque a situación, e reabrir o luns.