«A xente que tiña traballos sen regular queda sen nada»

Iria Camba, coordinadora de Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía, di que se algo demostra esta pandemia é que a cobertura social é un dereito colectivo que debe ser exercido


vilagarcía / la voz

A amplitude e a rapidez coas que o departamento de Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía reaccionou ante a pandemia son das poucas sorpresas positivas que o coronavirus trouxo baixo o brazo. Iria Camba, a súa coordinadora, explica como se puxo en marcha este proceso e reflexiona sobre o futuro dun dos piares básicos do estado de benestar.

-Como se aborda algo así?

-Vendo o que estaba sucedendo en lugares como Madrid, comezamos a falar coas entidades sociais, como Cáritas e a Cruz Vermella, sobre a necesidade de prever algún tipo de actuación. Dirixímonos á Xunta para interesarnos por algunha directriz ou protocolo, pero non había nada. Todo estaba supeditado ao que dixese Sanidade. Así que elaboramos unha serie de instrucións para, por exemplo, abordar a situación das persoas sen fogar, que ían quedar totalmente desprotexidas. E chegou o 14 de marzo e todas esas instrucións tiveron que cambiar por completo. Decidimos entón unificar os Servizos Sociais, o SPAD, Igualdade e o CIM para poñer os recursos de intervención social do Concello ao servizo desta nova situación, creando o servizo psicosocial de urxencia con varias unidades e o obxectivo fundamental de dar atención inmediata ás situacións de risco e vulnerabilidade das que xa tiñamos coñecemento, pero tamén de xerar un servizo para a xente que non tivese un historial previo.

-320 persoas que nunca antes o fixeran recorreron, de feito, aos servizos sociais.

-Máis dun 25 % das persoas atendidas. É unha porcentaxe moi alta, que se explica en parte porque a xente tende a asociar os servizos sociais cun estigma. É relativamente habitual que nos digan que recorren a nós cando non queda máis remedio. Pero os servizos sociais poden xestionar moitas cousas, non só axudas para alimentación ou risgas. Estamos para incrementar o benestar, e somos un dereito social conseguido pola cidadanía que ten que ser exercido. Houbo, por exemplo, unha porcentaxe importante de persoas maiores que non tiñan problemas graves de saúde ou deterioro, pero acudiron a nós nun momento de fonda inseguridade e descubriron un servizo como o de teleasistencia, que proporciona seguridade.

-Que outros perfís están sendo golpeados por esta crise?

-Hai moitos casos de xente que tiñan traballos, digamos, non regularizados. Empregadas de fogar, ou mesmo camareiros, sen contrato, que ían reunindo 900 euros ao mes e con algunha axuda puntual ían tirando, e agora quedan sen nada. É preciso crear unha conciencia de futuro, non só entre quen empregan, senón tamén entre quen aceptan ese tipo de ocupacións. É certo, por outra banda, que a axuda en materia de alimentos está sendo brutal, pero hai outro tema que nos sorprendeu: a cantidade de xente que precisa axuda para medicamentos que non están cubertos e debe escoller entre pagar un recibo ou ir á farmacia, cando se supón que a sanidade é gratuíta. Ou a fenda dixital e a desigualdade de aproveitamento da educación entre os nenos en función dos recursos das súas familias. Ata esta fin de semana entregamos 289 paquetes de material escolar e fixemos 479 xestións de proximidade, de listas da compra, de reparto de medicinas... Espero que as Administracións doutros niveis que deben exercer as súas competencias tomen nota, porque o que fagamos agora vai ter repercusión no futuro, e o benestar non é unha cuestión individual, é de todos: a situación dunha persoa inflúe na calidade de vida das demais.

-Esta crise vai mudar o funcionamento dos servizos sociais?

-Eu, dende logo, espero que así sexa. O plan de protección e prevención comunitaria que elaboramos para o covid abre unha porta á cidadanía moito más aló das prestacións económicas asistenciais ao uso. Obviamente, a pandemia puxo a proba a nosa metodoloxía, non só pola adaptación da Administración ás novas tecnoloxías, senón tamén pola necesidade dunha intervención máis próxima á xente, e máis lonxe da burocracia que nos come a todos. Hai sinerxías que tamén deberiamos manter. A sensación de rede. A unidade de voluntariado e proximidade, co Soño de Lilith e Arousa Moza, os compañeiros do resto dos departamentos municipais que se comprometeron con este labor e están con nós man con man -dun equipo inicial de quince persoas pasamos a ser trinta-, a policía, os servizos de emerxencia, a coordinación co hospital e os servizos sanitarios... Vilagarcía pode estar orgullosa da xente que traballa nos servizos públicos, e, concretamente, neste Concello. Con esta implicación, se as Administracións potencian os servizos públicos poderemos construír un mundo mellor. Estou convencida.

«Vilagarcía pode estar orgullosa da xente que traballa neste Concello e nos servizos públicos»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A xente que tiña traballos sen regular queda sen nada»