Adxudican as obras de musealización do Castro Alobre, que arrincarán en xuño con catro meses de execución

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Ao termo dos traballos os visitantes poderán visitar o xacemento con ampla información accesible sobre o mesmo

14 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou onte que o Ministerio de Fomento vén de adxudicar as obras para a restauración e musealización dos castros Alobre de Vilagarcía, A Subidá (Marín) e Toiriz (Silleda). Un proxecto enmarcado dentro no protocolo asinado no seu día por ambas administracións públicas, que neste primeiro lote contará coa firma Patrimonio Inteligente a cargo duns traballos cun orzamento conxunto de 519.864,11 euros.

Pendente de que cada concello en cuestión proceda á concesión da licenza de obra correspondente, a previsión de Fomento é que os traballos nos tres asentamentos galaico-romanos arrinquen a finais de xuño, cun prazo de execución de catro meses.

As obras comezarán nos tres castros con labores previas, pavimentación, dotación de mobiliario e sinalización, tratamento da paisaxe e melloras dos accesos. No Castro Alobre, o proxecto fará posible que os futuros visitantes poidan realizar un percorrido sinalizado con picas e con espazos vexetais recuperados. A musealización estruturaráse mediante diversos soportes minimamente invasivos, desde paneis con textos a distintivos QR para descarga de audios, ata pavimentos de diferente tonalidade. A través deles informaráse da cronoloxía do xacemento e todas as súas fases, contextualizando a importancia do seu emprazamento na súa condición de punto estratéxico, pola súa proximidade ao mar e orografía, proporcionando ademais un debuxo sociocultural do castro e dos seus habitantes, así como datos da contorna da escavación e trazas na paisaxe. Un modelo de musealización que, salientan desde a Deputación, permitirá a ampliación da información que no futuro se poida tirar de calquera novo estudo sobre o xacemento ou a súa época histórica.

Carmela Silva felicitouse onte pola nova da adxudicación do primeiro lote de restauración e musealización de castros da provincia, e informou que o segundo lote, de seis xacementos, entre eles os do Mercado dos Mouros e Igrexa Vella en Valga, Adro Vello no Grove e A Lanzada en Sanxenxo, segue á espera da avaliación e informe de Patrimonio da Xunta para poder sacar a licitación, en tanto os proxectos xa están redactados.