Vilagarcía reabre as súas pistas de tenis e de atletismo adaptadas á fase 1

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O uso do estadio do complexo de Fontecarmoa arrinca limitado á zona do tartán, para carreira, cun máximo de dez deportistas á vez, e como nas canchas, esíxese cita previa

12 may 2020 . Actualizado a las 22:15 h.

O 14 de marzo o Complexo Polideportivo de Fontecarmoa botaba o pecho a todas as súas instalacións, converténdose no maior símbolo da conxelación da práctica deportiva en Arousa por mor da corentena fronte ao covid-19. A Fundación de Deportes de Vilagarcía, ente xestor das infraestruturas deportivas municipais, vén de decidir iniciar o proceso de reanimación do complexo ao amparo da normativa aprobada polo goberno central a pasada fin de semana para a fase 1 da desescalada do estado de alarma. Con ela na man, desde Ravella decidíuse reabrir este mércores dous dos recintos de Fontecarmoa: as pistas de atletismo e as catro de tenis. Baixo as estritas medidas de seguridade e de hixiene sanitarias determinadas polo executivo de Pedro Sánchez, o protocolo básico de actuación para a volta gradual á práctica deportiva do CSD, pero tamén seguindo as recomendacións da Federación Española de Atletismo. Estas son as claves fixadas pola Fundación para poder facer uso das instalacións coas que arrinca a desconxelación do complexo vilagarcián.

Horarios de uso

Catro horas repartidas en dúas franxas. O horario de apertura do Complexo Deportivo Municipal de Fontecarmoa segue o aprobado polo Concello de Vilagarcía para a práctica deportiva. Pola mañás de 09:00 a 10:00 horas de luns a domingos, e polas tardes de 20:00 a 23:00 horas de luns a sábados. 

Acceso ás instalacións

Imprescindibles os 14 anos e cita previa. Nesta etapa da desescalada poderá facer uso das pistas de atletismo e de tenis calquera cidadán que teña cumpridos os 14 anos, o que deberá acreditar co dni. A fin de evitar aglomeracións, para gozar de calquera das dúas instalacións haberá que cursar unha solicitude previa, vía telefónica -non se poderá concertar na conserxería do complexo-, chamando ao número 661 545 031 en horario de 09:00 a 14:00 ou de 19:00 a 23:00 horas luns a venres, e a fin de semana no horario de apertura da instalación. A reserva faráse para o mesmo día ou para o día seguinte, nunca a dous ou máis días vista. Establécese como máximo 1 hora diaria de reserva en calquera instalación deportiva.

Límite de aforo

Dous usuarios por cancha de tenis, dez nas pistas de atletismo. Nas pistas de tenis establécese un aforo de 2 persoas por pista e por hora, mantendo os 2 metros de distancia entre persoas. Na pista de atletismo establécese como máximo o aforo de 10 persoas por hora, utilizándose as rúas 3 e 6 para a carreira, cun máximo de 5 persoas por rúa e cunha separación entre elas de 10 metros como mínimo. Para adiantamentos usaránse as rúa colindantes, mantendo os 2 metros de distancia entre persoas, e regresando despois de adiantar as rúas reservadas para a carreira. Os usuarios só poderán practicar deporte na zona do tartán; a de saltos e a de lanzamentos, co almacén de material pechado, continúan fóra de servizo. Unha vez completado o aforo fixado para as dúas instalacións non se poderá acceder ás mesmas. 

Medidas de seguridade

Sen contacto físico de ningún tipo. Os deportistas deberán vir cambiados de casa, non permitíndoselles o acceso aos vestiarios. A entrada e saída ás instalacións será única, pola porta situada entre o Pavillón Número 1 do complexo e a Piscina Municipal. Será obrigatoria a desinfección do calzado nas bandexas que se instalarán con tal fin. Ademais, aconséllaselles aos usuarios o uso de máscara e de guantes polas instalacións en todo momento, agás cando realice a actividade deportiva; tamén o lavado de mans rematada esta. O material que utilizen os deportistas será da sua propiedade e non poderán compartilo con outros usuarios, e deberán levar as súas propias botellas de auga, xa que se deshabilitan as fontes do complexo. Non está permitido o acceso a público, nin o contacto físico entre os usuarios das pistas, nas que non poderán estar fóra da hora concretada na súa cita previa, evitándose a acumulación de persoas nos accesos, tanto ao inicio como á finalización das quendas.