A Xunta renova a xestión da depuradora de Cambados cun investimento de 1,6 millóns de euros

La Voz CAMBADOS

AROUSA

MARTINA MISER

A planta situada en Tragove da servizo a Cambados e Vilanova

08 abr 2020 . Actualizado a las 17:08 h.

O Consello da Xunta aprobou este mércores o investimento de máis de 1,6 millóns de euros para a xestión e explotación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Cambados. «Con este acordo, o executivo autonómico mantén o seu apoio ás entidades locais nas súas competencias de saneamento e abastecemento, e autoriza á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á prorroga do servizo que garante o funcionamento da depuradora municipal», segundo subliñan desde o Goberno autonómico.

A Mancomunidade do Salnés ten cedido á Xunta, a través de Augas de Galicia, o servizo de mantemento da estación depuración que serve os concellos de Vilanova e Cambados. Unha prestación que vén do ano 2005 mediante un contrato de explotación da depuradora no que o Goberno galego leva investido un orzamento de máis de 10,14 millóns de euros. A Xunta renova agora esta concesión para os vindeiros 24 meses, estendéndoa ata o 8 de agosto de 2022.

A depuradora de Cambados está deseñada para o tratamento dun caudal medio de 12.000 m 3 /día e unha capacidade de depuración estimada para unha poboación de 40.000 habitantes equivalentes.

«A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento é unha responsabilidade decarácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen. A cooperación da Xunta coa Mancomunidade do Salnés permite a mellora da calidade de vida das poboacións asentadas na contorna das rías, o aumento da competitividade».