«Se quero camiñar ando dun lado ao outro do piso, nun barco é máis difícil»

f. jorquera / y. g. VIVEIRO / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Conta a súa experiencia pesqueira pasando semanas nun espazo moi reducido

21 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As xentes do mar saben moi ben o que é pasar moito tempo nun espazo reducido, onde hai que facer todas as rutinas diarias, sen posibilidade nin de dar un paseo polo monte, nin sequera de ir tomar un café ao bar do lado. Vicente Rodríguez Vila, patrón retirado de pesca de altura, de Viveiro, falou esta semana no programa Voces da Mariña (Radio Voz), sobre esa experiencia de confinamiento nun barco de todos aqueles aos que sempre lles toca faenar nun medio que limita enormemente o movemento: o mar.

-De estar nun espazo reducido moito tempo sabe, non?

-Home! Toda a vida!

-Para a xente do mar esta situación non é nova. Por exemplo, nunha marea das que facían, cantos días podían estar sen tocar terra, na embarcación?

-Por estar... dende doce días (unha marea rápida) ata vinte e pico días.

-Iso, en canto á pesca. Pero tamén tivo contacto co sector da mariña mercante...

-Si, é verdade, foi durante máis de dous anos.

-Nese caso o contacto con terra pode ser aínda máis prolongado.

-E tanto, ata 42 días, nalgunha das viaxes que fixen.

-Que se fai nun espazo pequeno, nun camarote, tanto tempo compartindo vida con compañeiros?

-Na actividade diaria, en calquera parte, sempre hai moito traballo que facer.

-No tempo de ocio, que se fai nas horas libres?

-Cando se sae de porto ao mar, sempre hai que ir preparando cousas, para chegar á zona de pesca. E cando se vén do mar para terra, igual, hai que limpar e acondicionar o barco. Sempre hai actividade. Normalmente chámante a primeira hora, almórzase e durante a xornada tes actividade, sempre hai algo.

-E cando remata a xornada, como vencen o aburrimento?

-Bueno, contando contos uns aos outros. Pero normalmente sobra pouco tempo e nese caso emprégase para descansar. Estase bastante ocupado e non se sinte esa soidade.

-Como se leva a convivencia cando hai moita xente para tan pouco espazo, porque sempre pode haber roces?

-Roces hai algún, pero mínimos. Hai bo rollo entre todos.

-Tamén están varias semanas, a veces incluso meses, sen poder ver ás familias. Ese baleiro de estar lonxe dos seres queridos, como se leva?

-Esa é a parte máis dura de toda esta actividade. Como dicía un dos que ía con nós navegar: «Eu estou aquí, pero a miña cabeza está en terra».

-Agora estamos confinados na casa, nunha situación nova para a xente e durante moito tempo. Pero con radio, televisión, Internet e con moitas outras comodidades.

-Exactamente, aínda que dende hai bastante tempo os barcos teñen televisión. E antes, xa na mercante, dispoñías de cine e de moitas actividades, levábanse libros. Porque tamén había tempo para ler, non era todo traballo, traballo, traballo. Pero na casa lévase moito mellor que no barco, porque podes saír buscar o pan ou o periódico, facer compra se lle fai falla algunha cousa.

-A psicose de mercar tantos produtos estes días, enténdena os que teñen vida no mar?

-Non, para nada. No meu caso, fago vida normal. Se necesito, baixo a coller algo ao comercio e volvo para o meu domicilio. Se quero facer exercicio, que todas as mañás o realizo, pois fágoo na casa, tonifícome. E se quero camiñar ando dun lado ao outro do piso, cousa que nun barco é máis difícil.

«Normalmente no barco sobra pouco tempo libre, estás sempre bastante ocupado»

«Xogar, máis ben ás cartas, porque o dominó co movemento non se aguanta»

Este profesional do mar xa retirado acumula numerosas experiencias da súa longa traxectoria no mar. Foron moitas xornadas nas que había tempo para traballar, pero tamén para tomarse un respiro e ocupar con distintas actividades o tempo de ocio do que dispoñía xunto co resto dos seus compañeiros.

-Moita paciencia entón, e cartas e lectura cando había tempo libre serán solucións para pasar ese pouco tempo libre que deixa o mar, verdade?

-Exactamente! Máis ben cartas, porque o dominó co movemento do barco non se aguanta (ri). É algo difícil!

-Mesmo pasa co xadrez, se non é imantado. Poderiamos discutir: «Ese alfil non estaba aí, antes de que chegara esa ola».

-Si, efectivamente (ri).

-Foi moi interesante escoitar a experiencia da nosa xente do mar que pasa moito tempo, non imos dicir a palabra confinado cando falamos de traballo no mar, pero si compartindo un espazo reducido. Cantos anos pasou en alta mar, Vicente?

-Practicamente toda a miña vida. Empecei con 13 anos, e ata que me xubilei.

-Que eslora tiñan eses barcos cando facían mareas de altura?

-Dende trinta e pico metros ou corenta, segundo os casos, ou vinte e pico. Pero normalmente tes moi pouco espazo libre para moverte e moitas veces co mal tempo tampouco é doado saír fóra. Hai que aguantarse dentro e nun sitio moi reducido, pero é o que hai.

-Agora vive esta nova situación en terra, pero xa puxo de manifesto que estaba acostumado a pasar bastantes horas nun espazo reducido.

-E tanto que si. Esta situación hai que levala o mellor posible.

«Pasei toda a vida practicamente no mar. Empecei con 13 anos, ata que me xubilei»