O Breogán apraza a súa asemblea xeral, e abandona a idea de subir a cota de socio

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

cedida

«Ante a actualidade que nos rodea, coidamos que non é o mellor momento», explica a directiva do Breogán a súa decisión de non elevar o coste de pertencer á súa masa social

19 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva do Club Marítimo, Deportivo e Cultural Breogán do Grove fixo público onte un comunicado destinado a informar o seus socios da desconvocatoria da asemblea xeral ordinaria programada para o venres 27 de marzo. Unha xuntanza anunciada a través das contas do club en redes sociais, e que estaba a piques de ser trasladada a todas as persoas que forman parte da entidade vía postal.

«Desde a xunta directiva decidimos aprazar a asemblea dada a situación que estamos a soportar», con España en estado de alarma pola pandemia polo coronavirus COVID-19. A asemblea queda posposta, explica, «a unha data que sexa posible, e que se decidirá segundo se desenvolvan os acontecementos».

O que xa teñen claro os responsables do Breogán é que «a orde do día tamén se verá alterada, pois un dos puntos a tratar cos socios era unha proposta para aumentar a cota anual de socio». Agora, «ante a actualidade que nos rodea, coidamos que non é o mellor momento, polo que será retirada da orde do día», conclúe a directiva do Breogán.

Asimesmo, o equipo que preside Félix Lamas adianta que haberá que «facer cambios nas actividades previstas para este ano» polo efecto dominó causado polo coronavirus, que xa lle está xerando prexuízos económicos ao club pola suspensión de competicións.