O calendario eleva a incerteza sobre a continuidade do Cortegada na Liga Feminina 2

Baloncesto A derrota ante o ADBA deixa baixo mínimos a fiabilidade do equipo de Rubén Domínguez, con dous duros partidos de seguido


Descenso era unha palabra desterrada do diccionario da Agrupación Deportiva Cortegada desde que a Liga Feminina 2 se converteu na segunda década do Século XXI no seu ecosistema natural. Foino ata a noite do pasado sábado. A derrota, 86-79, na cancha da Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés (ADBA) acabou de espir as carencias do equipo que dirixe Rubén Domínguez. Un conxunto con dous terzos do seu cadro de xogadoras composto por baloncestistas Sub-25, que está a demostrar non dispoñer do nivel competitivo requerido na segunda categoría do baloncesto femenino español. Terceiro pola cola da clasificación, non foi quen de sumar a que tería sido a súa quinta vitoria da tempada, e que lle tería dado a permanencia virtual na LF2.

Certo é que o Cortegada segue a ter a salvación de cara. A capacidade do cadro vilagarcián de salvar a lo menos o basket average co ADBA obrígalle a este último a sumar dúas vitorias máis nas cinco últimas xornadas de Liga cas que poidan conseguir as de Rubén Domínguez. O problema é que a combinación da dinámica do Cortegada, nove derrotas consecutivas, e os calendarios que en paralelo deben encarar os dous rivais por eludir a penúltima praza da clasificación xeran moita incerteza á hora de apostar polo inquilino do Pavillón Municipal de Fontecarmoa. Máis cando deberá encarar inda os seus dous vindeiros compromisos sen o concurso de María Centeno, unha xogadora crucial á hora de darlle equilibrio ao equipo, tanto pola súa polivalencia como aleiro e catro, como pola súa regularidade. A rotura do dedo dunha man fíxolle perder os tres últimos encontros do equipo.

Os calendarios presentan unha recta final cun moi semellante grao de dificultade para os dous conxuntos dos que sairá o acompañante do C.B. Pozuelo UFV no descenso. Con tres partidos extremadamente difíciles para ambos os dous, e debendo xogar outros tantos lonxe das súas canchas.

Sobre o papel, o ADBA xogaráse esta fin de semana o 50 % das súas opcións de permanencia, toda vez que mentres o Cortegada visitará a un Leganés ás portas da zona de fase de ascenso, o cadro asturiano desprazaráse á cancha do Añares Rioja, noveno clasificado.

A vindeira semana o Cortegada recibirá a un Celta que apura as súas opcións de poder volver xogar polo ascenso, co cadro avilesino medíndose en casa ao Leganés. Unha semana despois ambos os dous terán os seus partidos máis asequibles sobre o papel, coas de Rubén Domínguez competindo na pista do único equipo que non sabe o que é gañar na Liga, o Pozuelo, e o ADBA na do Barakaldo, décimo.

Na penúltima xornada o colectivo vilagarcián ten inda unha boa ocasión de sumar, en Fontecarmoa ante un C.B. Arxil só un posto por enriba, inda que con dous triunfos máis; mentres o ADBA pasa polo feudo do Celta. Xa na vixésimo sexta xornada, semella difícil que ningún teña moito que dicir: o Cortegada visitará o intratable Estudiantes, e o Avilés recibirá o Ibaizabal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O calendario eleva a incerteza sobre a continuidade do Cortegada na Liga Feminina 2