O Breogán ficha os padexeiros internacionais Marine Sansinena e Jost Zakrajsek

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

O clube de O Grove dá un paso máis na súa consolidación como referente

10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Breogán do Grove dá un paso máis na súa consolidación como club con capacidade para fichar non só promesas do piragüismo, senón tamén nomes contrastados tanto no panorama nacional, coma internacional. Deste último grupo son os dous padexeiros que veñen de ser incorporados polo club meco, que onte anunciaba a chegada ás súas filas da canoísta francesa Marine Sansinena e do kayakista esloveno Jost Zakrajsek.

Marine Sansinena é, de feito, unha cara coñecida no Grove, tras converter en rutina nos últimos anos os seus períodos de adestramento en augas arousás ás ordes do ténico do Breogán José Luis Otero Padín, e xunto coas figuras de primeiro nivel mundial do maratón do club, Tono Campos, Diego Romero e Tania Elizabeth Álvarez. Sansinena, de feito, pode presumir tamén de moverse no primeiro nivel do piragüismo de fondo, bronce no Mundial dos anos 2015 e 2018 e vixente subcampioa de Europa, en ambos os dous casos, no C1. Un barco no que loce cinco títulos de campioa de Francia.

Final B no último Mundial

A chegada de Óscar Carrera ao Breogán na dobre condición de adestrador e de padexeiro está detrás da fichaxe do esloveno Jost Zakrajsek. Un kayakista afeito, como Sansinena, a realizar períodos de adestramento invernal en España, que compartía con Carrera, compañeiro tamén en competicións nacionais españolas. De feito, hai un ano Zakrajsek finalizou cuarto no K1 Sénior do Campionato de España de Inverno. A mesma posición que asinaba na final B do último Campionato do Mundo de Esprint no barco olímpico K1 1.000. Unha cita esta última na que participou ademais no K1 5.000, que completou na quinta posición.