«Un Maluma te tira abajo el trabajo de 6 años»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A igualdade é unha longa guerra con moito gañado, pero con tanto ou máis inda por pelexar, opina o grupo de docentes reunidos por La Voz, que advirte tamén dalgún sinal de retroceso

08 mar 2020 . Actualizado a las 20:40 h.

Sendo a igualdade de xénero unha guerra diaria en todas as frontes da vida, a celebración do Día Internacional da Muller semella un bo punto para deterse a observar o estadio da cuestión. La Voz de Galicia quixo poñer desta volta a lupa sobre a percepción que ten un colectivo en primeira liña de fogo, o dos profesionais que forman en igualdade o alumnado e o profesorado nos distintos treitos do sistema educativo, reunindo arredor dunha mesa a mestres de Infantil, de Primaria, de Secundaria e da Universidade, xunto coa concelleira de Igualdade de Vilagarcía, Tania García.

«‘Eres maricón porque te estás pintando las uñas’», espetáballe a semana pasada un rapaz de Primaria do Colexio de Vilaxoán a un compañeiro. Cóntanolo a xefa de estudos e responsable de igualdade do centro, Dolores Miramontes, para engadir de seguido un «pero casi todo el colegio menos dos niños se pintaron las uñas» nunha das iniciativas que vai encadeando a modo de choiva fina, na procura de educar os rapaces libres dos estereotipos sobre os que rematan enraizando as desigualdades de xénero.

«Levo 26 anos na Escola Municipal Infantil de Vilagarcía. Todos os nenos nacen iguais. Non se dan conta do xénero», di María Victoria Castañeiras, a directora do centro. «Este ano no Entroido disfrazámonos de profesións, e esta semana un neno vestíuse de mestre e díxome ‘Hoxe son profesora’». Unha tábula rasa para a formación de persoas sen prexuízos que os profesionais de Infantil, con nenos de 0 a 3 anos, ven comezar a mancharse mesmo antes de nacer as criaturas: «Nunha escola de pais que impartimos o ano pasado veu unha nai dun fillo dun ano que estaba embarazada dunha nena. Non nacera a nena, e xa lle tiña todo rosa; e o irmán vendo todo iso. Os nenos en canto comezan a falar comezan a entender o que se lles está a transmitir desde a casa. Xa che din ‘¡Ai, non, a ela non lle paso a pelota’». ¿Por que? Diche, ‘Porque ao fútbol xogan os nenos’».

«Desde los 3 años vienen con lo de los colores tan claro, tan claro... que es que me ponen de mal humor. El pelo largo es de las niñas... En todo el colegio, que somos 200 y pico alumnos, no hay una sola niña con el pelo corto», sinala a coordinadora de igualdade do centro escolar de Vilaxoán.

Con todo, hai cuestións de fondo que están a mudar entre as novas xeracións respecto ás que se criaron hai 30 anos, opina Tania García, coas actuais tendo «moito máis normalizadas situacións que a xente da miña quinta cos seus anos. De dicir ‘Fulanita quere ser neno’, con normalidade». O resto da mesa coincide nos notables avances nesa parcela.

O veleno do amor romántico

As que traballan con preadolescentes e adolescentes apuntan á comprensión dos roles de parella como principal fronte de batalla pola igualdade hoxe neste treito crucial na formación das persoas: «Notei unha volta atrás no mito do amor romántico, absolutamente pernicioso para as chicas, que agromou outra vez hai dez anos; como se normalizaban situacións que non son máis ca violencia aplicada na parella, falando de 13, de 14, de 15 e de 16 anos», alerta Paloma García, coordinadora de igualdade no Instituto Castro Alobre e do grupo LGTBI do centro.

Miramontes ten clara a orixe do problema: «Estamos en una sociedad muy hipócrita. Los medios de comunicación mandan a los niños y niñas mensajes completamente contradictorios, y muchos se pierden. Con programas como La Isla de las Tentaciones. Que por una parte las mujeres somos feministas, somos guais, somos empoderadas; y por otro lado nos meten el reguetón por todas partes. Un Maluma de la vida te tira abajo todo lo que trabajaste 6 años en igualdad». Unha reflexión á que se suma García, quen engade que «en Primeiro de Bacherelato a rapazada é consciente de que o reguetón non é máis ca promoción de violacións pura e dura. E inda así dinche que é o que botan nos sitios aos que van bailar, e bailar é o seu xeito de socializarse». Ao fenómeno reguetón, a produtos como os libros de Federico Moccia ou sagas como Crepúsculo, e á replicación en bucle «dos estereotipos de xénero para vender calquera cousa por parte da publicidade», suma García a crítica da invisibilidade da muller como suxeito activo nos medios, compartida por toda a mesa.

Jorge García, profesor de materias de igualdade da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e do único master en igualdade de Galicia, subliña isto último: «Hai milleiros de noticias que poderían saír nos medios, e non saen».

Con todo, desde a súa experiencia de 30 anos de docencia especializada, Jorge García lanza unha mensaxe de optimismo: «Cando miro a foto fixa, podo caer no pesimismo, decátaste de todo o que queda por avanzar. Traballo moito con micromachismos, e é sorprendente a cantidade deles que atopan os meus estudantes, traballos de 70 folios. Pero se miro a igualdade desde o punto de vista histórico, vexo que hai cousas que non teñen volta atrás. Agora ninguén mantén a tese de que as mulleres non poden votar, que non poden ir á universidade, que non poden traballar fóra da casa...». Paloma intervén para lembrar os grandes retrocesos sociolaborais sufridos na crise, e replicar cun «creo que todo se pode perder». Mais ata ela parece sumarse a esa intersección de confianza e desexo que exclama Dolores cando preguntamos por como imaxinan a nosa sociedade en materia de igualdade en dez anos: «¡Poco a poco iremos a mejor, digo yo! Antes la mujer nacía para un rol que le venía impuesto. Hoy tiene más capacidad para pensar».