«Ao final o escritor sempre aparece na obra, mesmo que non queira»

Carlos Crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O escritor cambadés Ramón Caride presenta hoxe dous novos libros, «Historias (in)certas» e «V de Bestiario»

21 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Toda literatura é metáfora, nada máis» di o protagonista dun dos sete relatos que conforman Historias (in)certas (Embora Edicións), o novo libro co que Ramón Caride volve a por en evidencia e a súa mestría no xénero a súa fascinante capacidade de evocación a partir case sempre de situacións, de figuras e de paisaxes -mesmo musicais- que forman parte da nosa memoria colectiva.

«As metáforas son moi perigosas, con elas non se xoga», engade ese mesmo personaxe do relato. Pero moito de xogo si que hai en V de Bestiario, a segunda das publicacións que hoxe presenta, tamén editada por Embora, e na que o literario, e mesmo o poético, ceden boa parte do seu protagonismo ao visual, faceta da que se fixo cargo o ilustrador Lois G. Magariños.

-En base a que criterio reuniu os sete relatos que incluíu en «Historias (in)certas?

-O libro xurdiu da idea de recompilar algún relatos que tiña publicados na desaparecida editorial Everest e que quedaron descatalogados. Eran relatos escritos a principios de século pero nos que me sigo recoñecendo. Atopei algúns outros que mantiñan certa conexión con aqueles e engadinlle algúns recentes. Pero non hai un común denominador claro. Se acaso o amor, aínda que no primeiro dos relatos sexa o amor a literatura. Que non deixa de ser amor, tamén.

-Ese «in» entre parénteses do título da a entender que hai certa base real nestes textos?

-Si, hai varios que toman como referencia situacións ou vivencias reais. Ao final o escritor sempre acaba aparecendo na obra mesmo que non queira. Nalgúns trátase só do punto de partida sobre o que despois desenvolvo ou fantaseo unha historia. Noutros mestúranse feitos vividos por min, por persoas que coñezo ou feitos que forman parte da nosa memoria colectiva.

-Unha referencia moi presente é o paso do tempo, entendido case como unha viaxe.

-É que a vida non é máis que iso, o discorrer do tempo. E si, esa idea de viaxe está moi presente en varios relatos. Permíteme trasladarme e trasladar ao lector a diversos espazos, a diversos tempos.

-Para rematar case sempre cun xiro inesperado nas últimas liñas.

-Eses son recursos que un vai adquirindo lendo aos mestres do xénero.

-Cales son?

-Borges, Cortázar, Augusto Monterroso, Rafael Dieste...

-As referencias musicais tamén son unha constante nestes relatos, ata o punto de que segundo se van lendo un lle vai pondo banda sonora?

-Cítanse cancións concretas que axudan a contextualizar os relatos, por exemplo cando se fala de discotecas ou de amores de verán. Son como unha parte máis da paisaxe.

-Vaiamos logo con «V de Bestiario».

-Ese libro xurde a raíz duns debuxos que atopei de Lois Magariños, co que coincidín dando clases no instituto. El fixera uns bosquexos de animais fantásticos e escribira unhas liñas de cada un. Cando lle expuxen a idea do libro fixo de novo todos os debuxos e pediume que lles escribira eu un texto poético a cada un. E iso, basicamente, é este libriño de 48 páxinas.

-Preséntase como un libro infantil pero hai nel moito humor e certo surrealismo, mesmo para os adultos.

-Tamén hai moito xogo coa linguaxe. Un dos obxectivos do libro é amosar a enorme riqueza de vocabulario da nosa lingua a partir deses pequenos poemas escritos en rima consonante.

-Mesmo se convida aos rapaces a que cren eles tamén.

-Si, hai unhas páxinas nas que aparecen ilustracións feitas por rapaces para que eles lles poñan nome ao animal e completen o poema.

-Hai poesía na escrita pero tamén moita poesía visual.

-Todo o traballo de Lois está sempre cargado de poética. Outro bo exemplo é a imaxe da portada de Historias (in)certas, que tamén é del.