Seis días de festa rachada para poñer o mundo do revés

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

Cambados prepara un programa de Entroido no que desfiles e comparsas conviven coa especial dedicación aos nenos

13 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal e como onte explicaron os concelleiros Tino Cordal e Xurxo Charlín, o Entroido desenvolverase en Cambados entre o venres 21 de febreiro e o mércores seguinte, mércores de cinza. O programa, moi completo, ten no domingo un dos seus días máis potentes, por canto é a xornada do desfile de carrozas. No caso de choiva, actividade trasladaríase a o martes, día 25, e, como última data, ao sábado, 29 de febreiro.

Venres, 21 de febreiro

O carnaval cambadés arrinca na praza Alfredo Brañas, a partir das dez e media da noite. O espectáculo A túa cara sóame, que imita ao coñecido programa de televisión, servirá actuacións co música en directo. Todo quen vaia disfrazado poderá actuar. Haberá premios para os mellores.

Sábado, 22 de febreiro

Xornada pensada para os rapaces. A partir das cinco da tarde, no parque de Torrado, animación infantil con NordeLaina. Baile e obradoiro de disfraces, pintacaras e boa merenda con chocolatada, ademais de xogos de destreza e manualidades a cargo da escola obradoiro.

Domingo, 23 de febreiro

Chega o grande desfile de carrozas. Ás 16 horas, na escalinata de San Tomé, recepción das carrozas e as maquetas inscritas. O desfile comeza ás cinco da tarde, acompañado da música de Olodum do Coio e a charanga As de Sempre, Nós, por avenida de Galicia, praza do Concello, avenida de Madrid e Fefiñáns, retransmitido por Dj Studio 21. Ás seis e media da tarde, entrega de premios e concurso na praza de Fefiñáns. Galardóns de catrocentos a seiscentos euros.

Luns, 24 de febreiro

Día de vacacións, e obradoiro infantil de entroido diante do Concello, entre as doce e as dúas da tarde. A partir das 17 horas, no salón Peña, baile de entroido infantil con premios para os mellores disfraces individuais e para as parellas. Serán intercambiables en establecementos comerciais pertencentes a Zona Centro. Organiza o Concello en colaboración coa confraría de pescadores e a asociación de comerciantes.

Martes, 25 de febreiro

Á mañá, co mesmo horario do luns, obradoiro infantil diante do Concello. E pola tarde, na praza Alfredo Brañas, concurso de disfraces amenizado por Dj Studio 21. A partir das seis e media, concurso de comparsas. En caso de choiva, trasladarase ao auditorio da Xuventude á mesma hora.

Mércores, 26 de febreiro

Ás seis da tarde, na praza do Concello, degustación de doces típicos por xentileza de amas de casa albariño. Ás sete, enterro da sardiña coa presenza de Frade Golo, as charangas Os Jaláticos e As de Sempre, e Olodum de Coio.