Rayo Vallecano e Levante, novas confirmacións no Féminas F8 Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PABLO PENEDO

O campionato alevín está programado para os días 26, 27 e 28 do vindeiro mes de xuño nos campos Manuel Jiménez e do estadio de atletismo de Vilagarcía

13 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Torneo Féminas F8 Vilagarcía vai tomando corpo. Onte o seu director, Tino Buján, fixo públicos os nomes de dous dos cinco equipos de canteiras de clubs da Primera Iberdrola, a máxima categoría do balompé feminino español, que figurarán no cartel do campionato alevín programado para os días 26, 27 e 28 do vindeiro mes de xuño nos campos Manuel Jiménez e do estadio de atletismo de Vilagarcía.

O Levante, cuxo primeiro equipo figura terceiro na Liga, a tan só 2 puntos do Atlético de Madrid, segundo, e o Rayo Vallecano, co seu conxunto de cabeceira na metade da táboa clasificatoria da Primera Iberdrola, súmanse ao Valencia F.C.F. da madriña do torneo, a vilagarciá Mari Paz Vilas. Este último, desvelado na posta de longo do primeiro campionato de fútbol base feminino do Salnés o pasado 20 de xaneiro.

Desde o Torneo Féminas F8 Vilagarcía resérvanse para máis adiante a identidade dos outros dous equipos da Primera Iberdrola cos que, xa se adiantara, contará esta primeira edición.

Balóns solidarios

Ademais do anuncio da participación do Levante e do Rayo Vallecano, a organización da cita vilagarciá informou que vén de pechar o subministro dun cento de balóns personalizados. Deles, 30 serán empregados para o torneo, e regalados á súa conclusión ao C.D. Bamio, club colaborador do Féminas F8 Vilagarcía. Os 70 restantes poránse á venda, a un prezo de entre 3 e 5 euros, coa recadación reservada para a Asociación Pablo Ugarte, dedicada a traballar no apoio de estudos contra o cancro infantil. Unha asociación coa que tamén se colaborará desde a cita deportiva mediante a venda de pulseiras solidarias.

O Torneo Féminas F8 Vilagarcía naceu polo afán dos seus impulsores de que O Salnés contase cun campionato de fútbol base feminino á altura dos que xa se celebran desde hai anos para nenos, caso do Arousa Fútbol 7 ou do Cidade de Vilagarcía.