Rebelión no xeriátrico para xente inconformista

Teatro do Noroeste pon en escena no auditorio «As virxes salvaxes», unha aloucada comedia sobre a terceira idade


Sábado, 15 de febreiro • 21 horas • 5 euros • Auditorio municipal • Vilagarcía • Está claro que algo vai mal nunha sociedade para a que os seus maiores se converten en problemas, no canto de exercer coma fontes de sabiduría. A práctica de recluír a xente vella en institucións que a atenda e a coide, aínda que en moitos casos non sexa así, era algo absolutamente inusual na cultura tradicional, na que os avós sempre dispuxeron dunha función propia. Esta evolución e as contradicións ás que dá lugar son aproveitadas por Teatro do Noroeste para servir As virxes salvaxes, «unha aloucada comedia xeriátrica» que o sábado chega a Vilagarcía.

A obra forma parte do ciclo de teatro que se financia a través do Concello de Vilagarcía e a axencia autonómica Agadic, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, As virxes salvaxes contan coa interpretación de Ana Santos, Elina Luaces, Luma Gómez, Manuel Varela, Rosa álvarez, Fernando González, Miguel Pernas e Inma Antonio.

Unha situación absurda

A absurda necesidade de recluír os maiores en xeriátricos, cando hai apenas unhas décadas calquera persoa tiña ocupacións que daban sentido ás súas vidas ata a fin, é analizada cun sentido do humor incisivo. Todo, para deixar en cueiros as presas e os apuros da cultura urbana, na que os maiores non teñen cabida, son un estorbo do que é preciso desfacerse, amoreándoos en institucións concibidas para este cometido.

O caso é que, nun destes xeriátricos contemporáneos, varias internas levan a cabo, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. En definitiva, unha homenaxe, probablemente un tanto irreverente, aos maiores máis revoltosos.

Entradas xa á venda

As entradas para poder asistir á comedia de Teatro do Noroeste pódense adquirir de xeito anticipado polas canles habituais: o portal web ataquilla.com e o número de teléfono 902 504 500. Tamén estarán dispoñibles o propio sábado, día da función, na billeteira do auditorio municipal dende as sete da tarde, dúas horas antes de que comece o espectáculo.

Á marxe do prezo xenérico -cinco euros, sen diferenzas entre as tres áreas nas que se divide a zona de butacas do auditorio, a concellería de Cultura de Vilagarcía ofrece prezos bonificados para tres colectivos, como son os desempregados, as persoas maiores de 65 anos e a mocidade. Para acceder a eles -son tres euros, neste caso-, os asistentes deben acreditar a súa condición, ben presentando o documento nacional de identidade, a tarxeta de desemprego ou o carné xove, respectivamente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Rebelión no xeriátrico para xente inconformista