O fútbol arousán tamén vibra esta semana coas seleccións galegas

AROUSA

CEDIDA

Adrián Gómez e Róber xogan hoxe contra Euskadi en Madrid, e en Elda faráno Sara(Arousa), Nuria (Chispa) e Carla (Umia) coas Sub-15 e Sub-17

12 feb 2020 . Actualizado a las 10:50 h.

O fútbol arousán ten esta semana varios focos de atención antes de mirar a evolución dos seus equipos nas Ligas de Primeira División feminina, da Terceira masculina, e das categorías autonómicas. Con cinco dos seus futbolistas defendendo as cores das súas correspondentes seleccións galegas en Madrid e en Elda.

Os primeiros en competir son hoxe os xogadores do Arousa Adrián Gómez e Róber. Lateral dereito e extremo figuran na lista de 18 homes convocados por Iván Cancela para buscar na mañá de hoxe, fronte a Euskadi, o pase da selección galega masculina de fútbol afeccionado á fase final nacional da Copa das Rexións Uefa. O encontro xógase desde as dez e media na Ciudad del Fútbol de Las Rozas da Real Federación Española de Fútbol.

A presenza de Adrián Gómez e de Róber impídelles participar na estrea do Arousa na Copa Deputación, co cadro vilagarcián visitando esta noite, desde as 20.30 horas, o Anduriña no Monte da Vila. Un encontro ao que o técnico arlequinado, Rafa Sáez, convocou a nove xuvenís na súa lista de 16, descartados por lesión Julio Rey, Manu Rodríguez e Pedro Beda.

Mañá tres rapazas das canteiras doutros tantos equipos do Salnés partirán coas seleccións galegas femininas Sub-15 e Sub-17 cara Elda, Alacante, onde o sábado se enfrontarán cos correspondentes combinados de Murcia e o domingo cos de Valencia na segunda fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Sara, do Arousa, figura na lista de 18 elixidas pola adestradora de Galicia Sub-15, Vicky; mentres que Nuria, a porteira do Chispa que hai dúas semanas se estreaba nunha concentración da selección española de Toña Is, e Carla, do Umia C.F., viaxarán na expedición Sub-17. No caso desta última, subliñan desde o seu club, trátase da «primeira vez nos 96 anos de historia do Umia que unha xogadora é convocada para a disputa dunha fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas».