As paradas imprescindibles do Entroido meco

AROUSA

MONICA IRAGO

O Concello meco xa ten lista a programación para unhas datas que se viven con intensidade

07 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o Entroido e, a estas alturas, todo o mundo anda no Grove preparando o seu disfraz, apurando os preparativos das comparsas, poñendo a punto o seu espírito festeiro. O 20 de febreiro o ánimo terá que estar listo: arrinca nesa data a festa co Xoves de Comadres, con ceas en diferentes establecementos da vila. O venres 21, a partir das cinco da tarde, terá lugar na Rúa Castelao a festa infantil con música, animación e xogos, para dar paso, xa pola noite, aos actos do venres de Jarana ou de Caballiteras.

Pero o acto central do Entroido do Grove chegará o sábado 22, co festival de comparsas. As entradas para este espectáculo poderán adquirirse a un prezo de cinco euros o propio día, no pavillón municipal dos deportes, entre as dez e media e a unha e media. En caso de non rematar as entradas nese horario, a billeteira reabrirá ás 16.30.

O Festival transmitirase en directo e colocarase unha pantalla exterior para que todas e todos poidan seguilo en tempo real. Este ano, está previsto que once comparsas compitan pola bandeira do Entroido Meco. Ademais do accésit de participación (300 euros) hai en xogo, canda o prestixio, 1.100 euros para o primeiro clasificado, 900 para o segundo, e a conta segue baixando de cen en cen ata chegar aos 400 euros que percibirá a comparsa que remate en sexta posición.

O domingo, os que quedaran sen ver as comparsas, terán unha segunda oportunidade xa que os grupos farán un percorrido polos bares da vila. Ese mesmo día, as cinco da tarde, haberá un festival infantil amenizado por Javi Solla.

O martes 25 de febreiro celebrarase a Gran Marcha do Entroido Meco. Os mellores disfraces -tanto individuais como de grupos- repartiranse suculentos premios, que suman os 7.125 euros anunciados polo Concello para este apartado. Esa cifra supón un 155 % máis que a consignada a tal fin o pasado ano.

O Enterro da Sardiña (venres 26) e a Concentración de Choqueiros, coa queima do vimbio e a actuación das comparsas en San Vicente (1 de marzo) son os actos finais do Entroido do Grove. Unha festa vivida por todo o pobo.

Máis de vinte premios para as mellores máscaras

O Concurso de Entroido organizado polo Concello de Valga terá lugar o domingo 1 de marzo. Repartirá 2.850 euros en premios entre os participantes: disfraces individuais, parellas e grupos ou comparsas. Serán un total de 21 os premios que se van entregar. O concurso celebrarase no entorno do auditorio a partir das cinco da tarde, se ben as inscricións deberán realizarse por anticipado nas oficinas do Concello.