Nano Besada cumpre, e Romero e Álvarez xa teñen os seus retratos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campionato do Mundo de Maratón de Shaoxing, China, pasou a formar parte en outubro do 2019 das páxinas de ouro da historia do piragüismo grovense. O mellor canoísta español de fondo de todos os tempos, o meco Tono Campos, colgábase dous ouros e unha prata, o seu compañeiro no C2, o vilagarcián Diego Romero, colleitaba outro par de títulos, mentres que a grovense e compañeira de ambos no Breogán Tania Elizabeth Álvarez Yates, acadaba o maior éxito da súa carreira deportiva converténdose en subcampioa mundial do K2 formando tándem coa lucense do Kayak Tudense Tania Fernández.

O día que os tres padexeiros do Breogán voltaron á península arousá, o artista local Nano Besada obsequiou a Tono Campos cun retrato da súa autoría, que o maratoniano lle agradeceu publicamente a través das súas redes sociais. Aquel día, Nano Besada comprometeuse con Tania e con Diego a facer o propio con ambos os dous. E o luns o artista meco cumpríu coa súa palabra.

Na Sala das Cunchas do Concello do Grove, coa concelleira de Cultura, Noemí Outeda, e co alcalde, José Antonio Cacabelos, coma notarios, Nano Besada fíxolles entrega a Álvarez e a Romero de cadanseu retratos. Foi un sinxelo pero emotivo acto, que contou tamén coa presenza de varios representantes do C.M.D.C. Breogán do Grove; entre eles, o adestrador dos tres medallistas mundiais do club, José Luis Otero Padín, sempre presente nos agradecementos dos seus pupilos tras cada novo éxito.