Vilanova, escola de oficios para toda Galicia, tamén en fin de semana

Sesenta persoas coincidiron en Vista Real para aprender a manexar drons, carretillas e barcos


Cando o Concello de Vilanova mercou o pazo de Vista Real, alá polo ano 2010, poucos imaxinaban que este enclave privilexiado ía acabar converténdose nun lugar de estudo e formación, nun centro no que tan pronto se pode aprender a manexar unha impresora 3D como mellorar o dominio do inglés.

O motor é o Centro de Centro de Desenvolvemento Local (CDL), que ten alí a súa sede desde hai catro anos e canaliza unha ampla oferta formativa, tamén en fin de semana. Por alí pasan centos de persoas ao ano e onte coincidiron sesenta alumnos para participar en catro cursos: piloto oficial de drons, licenza de navegación, carretilla elevadora e caixeiro repoñedor. Chegaron, sobre todo, de concellos do Salnés e Barbanza, pero tamén de Vigo, A Coruña, Santiago, Baiona, Ponteareas, Nigrán, Caldas, Tui, Pontevedra, Moaña e mesmo de Avilés.

Os cursos conxugan teórica e práctica, de xeito que os alumnos tan pronto teñen que tomar apuntes como saen ao xardín do pazo para aprender a manexar un dron ou baixan ao porto para poñerse ao temón dunha embarcación.

Oferta variada

A actividade do CDL exténdese aos sete días da semana. Nas mañás de luns a venres impártese un curso de mercadotecnia e comercio internacional ademais das clases do obradoiro de emprego, que conta con dos módulos, de redes e xardinería.

Polas tardes, escolares de toda a comarca reciben formación de novas tecnoloxías, e as fins de semana teñen lugar cursos de diferentes sectores laborais, ata sumar máis de vinte especialidades diferentes. Ademais, nos próximos días comezará a cuarta edición da «aceleradora de empresas?coworking» da Xunta, na que van participar emprendedores das provincias de Pontevedra e A Coruña, e retomarase a actividade no viveiro de empresas.

A axenda é intensa e o espazo é limitado, por iso no Concello traballan xa coa previsión de acometer unha nova ampliación das instalacións «co obxectivo de favorecer a inserción laboral dos desempregados vilanoveses, centrándose de maneira especial nos mozos e nós colectivos de desempregados de longa duración», segundo apuntan desde a concellería de Promoción Económica e Industria, que dirixe o popular Javier Tourís.

O edil destaca «o gran traballo que se está a realizar desde o CDL, converténdose en pouco tempo nun centro de referencia que estende a súa influencia máis alá do ámbito comarcal».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Vilanova, escola de oficios para toda Galicia, tamén en fin de semana