Dezanove equipos inician hoxe as Ligas Galegas de Xadrez, co Viajes Interrías en pos do título

AROUSA

MARTINA MISER

O Fontecarmoa presenta catorce conxuntos, un menos có ano pasado, co Dorna competindo na Primeira e na Segunda Divisións

25 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Co Campionato Provincial como antesala a anterior fin de semana, no Auditorio de Vilagarcía, hoxe arrinca con forza a tempada de xadrez coa disputa da primeira das once roldas das Ligas Galegas. Unha competición que esta tempada contará con 19 equipos arousáns de cinco clubs do sur da ría. Un ano máis, co C.X. Fontecarmoa de Vilagarcía como gran referente, comarcal, pero tamén autonómico, co seu primeiro conxunto, o C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo, partindo un ano máis entre os aspirantes a facerse co título da División de Honra, a máxima categoría galega.

Para tal envite o club vilagarcián reforzouse esta tempada con Diego González. Para empezar, visita o USC, un dos rivais cos que o C.X. Fontecarmoa compartíu nas últimas tempadas a zona nobre da clasificación da elite autonómica, que vén de perder a un xogador tan importante coma Luis Medarde, incorporando o talento de Luis Guerrero. Completan a nómina de participantes na División de Honra o Círculo Chantadino Xadrez Dragan Paunovic, Círculo Ferrolano A, Círculo Deportivo Xadrez Ourense A, C.X. Rianxo, Clubexa, E.L.X. Seguros Arango, Liceo Grupo Academia Postal, Padrón A-Sociedad Cultural Padronesa, Xadrez Verín A e Xadrez Estratexia Pola Paz. Na mente dos integrantes do Viajes Interrías Sanxenxo, recuperar un cetro autonómico que o club vilagarcián incorporou á súa vitrina de trofeos no 2014.

O C.X. Fontecarmoa mantén un número semellante de fichas na Liga respecto ao 2019, preto de 180, pero presenta un equipo menos, 14. E iso porque, explican os seus responsables, «se ha decidido postergar la entrada en competición de los jugadores más jóvenes que se están incorporando al club». Unha medida que se toma cando este goza por primeira vez de tres equipos na Primeira División, a categoría de prata galega. Tres conxuntos na Segunda División, seis na Terceira e un na Cuarta completan a estrutura competitiva do C.X.F. nas Ligas.

Hai un segundo club arousán con máis dun equipo esta tempada. O Dorna Vengarco da Illa, que se medirá ao C.X.F. Baños Print e ao C.X.F. La Marina no Grupo B da Primeira División, e ao C.X.F. Kromex e ao C.X.F. Zona Aberta no Grupo D da Segunda.

O Breogán e o All Stars Cum Laude do Grove están encadrados no Grupo H da Terceira División co Centro Comercial Arousa, Restaurante A Pedra e Sokes Multiservicios do C.X. Fontecarmoa, e cos equipos do mesmo club C.X.F. Cafetería Andaina, C.X.F. Jamonería Ferreiro e C.X.F. McDonalds no Grupo I. Pola súa banda, o C.A. Albariño xoga no único grupo da Cuarta División, como o C.X.F. Papelería Meganova.