Luis Carro xa é un honorable centenario no banco do Ribadumia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O vilanovés di que a confianza do club nel «marcaráme sempre»

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«A verdade é que non o sabía. Sabía que tiña que estar preto. Entereime pola publicación -na páxina de Facebook do club-». Catro días despois do acontecemento, Luis Carro Rey (Vilanova, 1977) enterábase onte de que xa é centenario no Club Deportivo Ribadumia. O pasado domingo dirixía no Salvador Otero da Illa o seu partido oficial número 100 no banco do conxunto aurinegro. Unha cota que cualifica de «éxito».

«Para min é unha satisfacción», engade. «Cen partidos nun mesmo club creo que supón unha bagaxe importante. Só teño palabras de agradecemento. Que un club como o C.D. Ribadumia confíe en min pese a un descenso. Marcaráme sempre como adestrador».

Desde a humildade que o acompaña cual primeiro técnico axudante, Luis Carro recorda tamén neste momento as facilidades que o Juventud Cambados lle deu no verán do 2017 para fichar polo C.D. Ribadumia cando tiña practicamente pechada a súa renovación co equipo ao que devolvera á Primeira Autonómica. Unha porta aberta do club entón presidido por Matías Fontán sen a que a bo seguro un home de palabra como o vilanovés non tería dado o maior salto da súa carreira ata o momento. Asumindo o banco dun equipo de Terceira División saltándose o curso da Preferente, logo da súa formación e prácticas nas tres categorías autonómicas nos vestiarios do Vilanova -tres tempadas-, do Chipa -unha- e do Juventud Cambados -dúas-, ademais de dirixir equipos nas canteiras do Pontevedra, do Céltiga e mais do Arousa.

Facerse cargo do primeiro equipo do C.D. Ribadumia na Terceira División «era un reto» para Luis Carro naquel verán do 2017. Agora, dúas tempadas e media e cen partidos oficiais despois, «creo que o superei con creces», afirma. Vendo hoxe o descenso da tempada pasada como unha proba máis do acertado do seu si ao club da Senra: «Quero aprender todos os días. E o Ribadumia é un sitio perfecto para facelo. É un lugar no que te deixan traballar con total liberdade».

Que a directiva aurinegra decidise manter a súa aposta por el pese a perder a praza na Terceira División a pasada primavera -a tempada anterior, a do seu debú, o equipo salvárase da queima cun duodécimo posto na clasificación final- «faime ser máis esixente», di Luis Carro.

Máis aló da conta de resultados reflectida na táboa clasificatoria, por enriba de calquera outra prioridade de Luis Carro como traballador do C.D. Ribadumia está «axudar o club e os seus futbolistas a crecer».

Neste sentido, preguntámoslle cal é a súa pegada no equipo da Senra. Unha pregunta que, entende, lle deberiamos facer ao club e aos seus futbolistas. Con todo, o vilanovés recoñece que nestas dúas tempadas e media no seu actual destino pode aprezarse «un traballo continuísta» reflectido cada domingo nunha proposta futbolística tan atípica no balompé modesto, perseguindo a dominación do rival mediante a posesión do balón, e a verticalidade encarrilada sempre a ras de chan. «Unha identidade que construímos desde que chegamos aquí» e que, recoñece o centenario, «é a tempada na que máis nos está custando plasmar. Seguimos tentando levar o peso dos partidos, pero buscamos ataques máis rápidos, queremos finalizar antes, porque cremos que é mellor co que temos» no vestiario.

E o certo é que non lle vai nada mal ao Ribadumia con esta versión 3.0 da proposta de Luis Carro, que con once xornadas encadeadas sen perder, sete vitorias incluídas, pode presumir de ser o equipo máis en forma da Preferente Sur, terceiro a un só punto dos colíderes Vilalonga e Atios. Con todo, o adestrador sinala que «estamos na metade da tempada inda, isto pode cambiar moito». O importante, mantén desde o inicio do curso, «é chegar ao último mes ben posicionado». De conseguilo, apunta, tocará confiar en que tamén sorría ese influínte factor sorte cando do que falamos é de unicamente dous ascensos.