«Son incapaz de entender a miña música como unha mercancía»

AROUSA

CEDIDA

Tomás Porteiro presenta hoxe o seu novo proxecto musical no Encontro acompañado polo clarinetista José Zas

17 ene 2020 . Actualizado a las 11:21 h.

Comezo a entendelo. Di que ao mellor non ten acadado un recoñecemento maior por non saber venderse, por ser incapaz de entender a música como mercadoría. E si, por iso terá que ser. Dende logo non por falta de talento. Coa súa banda, Sinestesia, ten asinado os mellores discos de música que se despacharon en Galicia nese difuso pero sempre suxerinte territorio no que conflúen o pop e o rock de sutís raíces americanas. Fuxindo sempre de lugares comúns no musical e con moito que dicir no literario. Agora emprende nova aventura presentándose baixo o seu nome. Con similares parámetros pero cun chisco máis de intimismo e cunha maior variedade cromática no que a sonoridades se refire.

-Segue compoñendo en castelán a pesar de que habitualmente fala en galego. Por que?

-Neste proxecto xa hai un par de temas en galego. Saíronme así. Non é unha cuestión de prexuízos, nin sequera dunha voluntaria elección. Séntome e escribo sen pensar en que idioma. Se o 95% das veces me sae en castelán é polas miñas referencias literarias e porque foi a miña lingua nai. Pero nalgún momento sairán naturalmente en galego, seguro. Non o quero forzar. Nunha canción teño que expresar emocións e a maioría das emocións aínda as teño codificadas en castelán.

-Por que decide crear este novo proxecto e presentarse Tomás Porteiro?

-Basicamente por querer expresar a miña música doutro xeito e explorar outros camiños musicais que sempre me gustaron. Non son composicións moi distintas ás de Sinestesia pero si que están vestidas doutro xeito. Teño outra maneira de expresalas, sen os artificios que lles tes que facer ás veces cando estás nun grupo máis vinculado ao rock.

-Agora ata coquetea co jazz.

-Si, nun dos singles que publiquei si, pero hai outros que tiran cara o rock americano e outros de raíces máis latinas.

-Isto implica que abandona algúns dos grupos nos que está?

-En principio non. Ningún deles ten un nivel de esixencia profesional que me impida compatibilizalos.

-Por un momento pensei que tiraba a toalla con Sinestesia.

-Ás veces non é tirar a toalla, é deixar en barbecho as cousas para non queimarse. Aínda así haberá concertos e publicacións tanto de Néboa como de Sinestesia.

-Ten a sensación de non ter acadado o recoñecemento que Sinestesia merecía?

-Foi un grupo que sempre tivo moita aceptación entre a crítica e sobre todo entre os músicos pero polo que sexa nunca deu o salto a un público máis amplo, aos festivais ou a circuítos máis mainstream. Pero non me importa demasiado. Tampouco creo que o sitio de Sinestesia fose ese. Non o vexo como un fracaso. Como lle escoitei dicir nunha ocasión a Antílopez para nós o obxectivo era chegar á maioría das minorías.

-Neste proxecto as letras aínda gañan máis protagonismo.

-Si, pode que a xente lle preste máis atención aos textos. Non porque antes estivesen enterrados senón porque ao haber menos elementos o foco está máis posto no que está facendo e dicindo o solista. Agardo que non me poñan o sambenito de cantautor. Non me gusta nada esa etiqueta.

-Sen embargo agora hai moitos artistas que triunfan con proxectos en solitario?

-Para min, que aínda que son millenial veño dunha cultura musical distinta, o grupo tiña aquel romanticismo case inocente de ser camaradas, de compartilo todo. O que hoxe vexo é unha visión tremendamente mercantilizada da música, mediatizada polo marketing e polas redes sociais. E eu manéxome fatal aí. Moitos dos fracasos dos meus grupos seguro que teñen que ver con ese rexeite de ser un empresario de min mesmo. Eu sei tocar a guitarra e facer cancións pero non sei vender o meu propio proxecto porque para min non é unha mercancía.