O Cortegada dálle a baixa á súa MVP, que podería non ter sustituta

Perdida a vez no consulado, a renovación do visado de Tyra Jones podería levar inda máis dun mes. O club só fichará se aparece unha opción asequible


vilagarcía / la voz

Tyra Jones deixou onte de ser xogadora da Agrupación Deportiva Cortegada. A directiva do club comunicou a súa decisión de cortar a á-pívot estadounidense tras non dar resolto a xogadora a renovación do seu visado no seu país de orixe durante as vacacións de Nadal, documentación indispensable para poder retornar a España. Unha baixa que deixa o conxunto que dirixe Rubén Domínguez sen a súa MVP, e sen unha das tres únicas interiores natas do vestiario de Fontecarmoa, segunda máxima reboteadora do Grupo A da Liga Feminina 2 con 10,67 capturas de promedio por xornada, décima xogadora con máis faltas recibidas, e decimoquinta no ránking de valoración do campionato.

O vicepresidente e voceiro da A.D. Cortegada, José Gorgoso, quere deixar claro que «o problema co visado non foi do club. Tyra levou aos Estados Unidos toda a documentación que nós lle podiamos proporcionar. Tiña ata o 10 de xaneiro para tramitar o visado no consulado, pero faltáballe un papel, penso que a tradución ao inglés do permiso de traballo. O venres terminoulle o prazo, e para nós xa non é viable continuar con ela no equipo, porque non podemos abrir outro periodo de mes e medio para que consiga outra vez no consulado para tramitar todo o papeleo».

Gorgoso lamenta a saída de Jones, máxime por tratarse dunha cuestión extradeportiva que non debera terse producido. De feito, ao club mesmo lle consta que a á-pívot tentou coller o avión de volta sen o visado, pero as autoridades estadounidenses non lle permitiron viaxar así.

Así as cousas, cun cadro de persoal practicamente Sub-21 e a día de hoxe con Andrea Ríos coma única pívot dispoñible en a lo menos dúas semanas ante a lesión de Antía, a lóxica invitaría a pensar nunha inminente fichaxe do Cortegada. O voceiro da súa directiva aclara, pola contra, que podería non ser así, ata o punto de non descartar que o equipo vilagarcián deba afrontar a partir desta semana toda a segunda volta da Liga Femenina 2 co que ten: «Só ficharemos baixo dúas condicións. Que atopemos no mercado unha xogadora que poida axudar a este grupo de xente nova a mellorar. E que a economía do club non se rompa».

Completada o sábado a primeira volta, co equipo cuarto pola cola da clasificación cun balance de catro vitorias e nove derrotas, e tres triunfos de colchón sobre o descenso, José Gorgoso quixo aproveitar o anuncio do corte de Tyra Jones para lanzar desde a directiva unha mensaxe de plena confianza no equipo que dirixe Rubén Domínguez: «Nós cremos neste equipo. Estamos moi contentos con el. É un equipo con catro vitorias, que pode conseguir algunha máis, practicamente 100 % galego».

Para quenes inda seguen suspirando polos tempos do EuroExtrugasa, Gorgoso lembra a realidade reiterada aos catro ventos pola directiva do Cortegada nos últimos dez anos: «Non hai máis cartos». E «se algunha firma quere que o equipo ascenda, que veña poñer diñeiro», declara máis coma un desexo que coma un desafío. Iso si, os responsables da entidade tamén teñen clara outra cousa: «Queremos manter o equipo en LF2». E para isto último, quizais, non baste coa cera que queda para arder no cirio de Fontecarmoa tras o adeus de Tyra MVP Jones.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Cortegada dálle a baixa á súa MVP, que podería non ter sustituta