Un Arousa en cadro aspira a pechar a primeira volta cun sobresaínte

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Sen Pedro Beda, sen Jorge Sáez e sen Julio Rey, Rafa Sáez leva esta tarde tres xuvenís á visita a un Rápido de Bouzas que cotiza á alza

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pechar a primeira volta da Liga escalando á terceira praza da clasificación. Con esta ilusión se presenta na tarde de hoxe o Arousa ao seu último parcial previo ao paso de ecuador do curso. Sobre o renovado céspede sintético do Baltasar Pujales (17 horas), o cadro vilagarcián persegue o triunfo sobre un renacido Rápido de Bouzas. Unha vitoria que de producirse, e de coincidir cunha derrota ou cun empate á mesma hora do C.D. Barco, terceiro clasificado, ante o Ourense C.F., segundo, lle permitiría superar na táboa ao conxunto de Valdeorras, se ben este último cun partido menos xogado.

Independentemente da carambola, gañar hoxe suporía unha nova dose de adrenalina para a animada tropa arlequinada. E é que a do Baltasar Pujales preséntase como unha das probas máis esixentes ata hoxe para o Arousa. E iso, non tanto, inda que tamén, por atoparse cun rival en liña ascendente, que tras a chegada de Milo Abelleira á dirección do seu vestiario foi quen de gañar tres dos seus últimos seis partidos e empatar un cuarto, pasando de pechacancelas a sexto pola cola da clasificación, e saíndo sete días atrás da zona de descenso tras remontarlle ao actual peor equipo do grupo galego da Terceira, o Paiosaco, o 1-0 do minuto 50 con catro tantos entre o 67 e o 90.

O autor do primeiro deses goles, Ronald, é baixa no Rápido por sanción. Unha circunstancia que nin moito menos nivela o capítulo de ausencias no Arousa, principal argumento para falarmos dun dos test de estrés máis duros para o equipo de Rafa Sáez no que vai de Liga. Á baixa de Pedro Beda por sanción súmanse as dos lesionados Julio Rey e Jorge Sáez, con a lo menos catro e dúas semanas no dique seco tras mancarse a semana pasada fronte ao Fabril.

Así as cousas, logo da fuxida de Cissoko, e con Sidibé sen rematar de adquirir o ton competitivo requerido, o adestrador arlequinado só dispón hoxe de trece futbolistas séniores. Os xuvenís Yago Davila, que pode xogar en calquera posición de ataque, e Nico, dianteiro centro, completan a convocatoria xunto ao mediapunta Raúl Martiñán que, sendo xustos, é un máis do primeiro equipo desde a primeira xornada de Liga.

Rafa Sáez facía fincapé na súa análise previa da visita ao Rápido de Bouzas na dificultade de afrontar o choque nestas circunstancias. Non tanto pola falta de pezas, como porque «los ausentes se concentran en la parcela ofensiva», salientando a relevancia da baixa de Pedro Beda, para o que «no tenemos sustituto».

Dado o dispoñible, o máis probable é que Rafa Sáez, que novamente preferíu agochar as súas cartas, opte por manter o seu habitual debuxo e 4-2-3-1 con Javi Otero como nove, posición que xa ocupara nas xornadas 2 e 3 con Pedro Beda sancionado, acompañado por Suso, por Raúl Martiñán e por Róber xusto por detrás. E na medular, Manu Rodríguez e Pedro García, músculo para competir cun Rápido de Bouzas de «juego directo, de segundos balones y disputa», sinala Coti, os dez anos anteriores futbolista do cadro vigués. Rafa Sáez engade o feito de que o seu anfitrión dispón de «muy buenos jugadores en la faceta ofensiva, de llevar el balón al pie y con movilidad entre líneas». Un equipo que chega «en su mejor versión» tras o impacto do troco de adestrador.

Cissoko deixa de ser xogador arlequinado, e o club confía en acelerar os reforzos

«El jugador Cissoko causa baja definitiva en el club. Desde aquí aprovechamos para desearle mucha suerte en proyectos futuros». Con este comunicado nas súas redes sociais o Arousa facía pública onte a media mañá a marcha oficial do dianteiro africano. Un futbolista que xa deixara de ser de facto membro do equipo de Rafa Sáez tras a súa decisión de non reintegrarse á súa disciplina ao termo das vacacións de Nadal concedidas polo corpo técnico. A información manexada polo Arousa é que o punta estaría negociando a súa incorporación ao Portonovo. Negociación que xa estaría en marcha antes da súa nada profesional decisión de incumprir as súas obrigas co seu ata onte club, e que coñecían na Lomba, con Rafa Sáez disposto a deixar marchar o dianteiro ante a súa practicamente nula incidencia no conxunto arlequinado.

O preparador pontevedrés volveu recoñecer esta semana que «urge como mínimo dos jugadores nuevos para la plantilla». Situación que o leva a afirmar que «mi teléfono no se va a desconectar este fin de semana», aberto a calquera proposta de futbolistas ou de representantes que lle poidan chegar. Con todo, Rafa Sáez era onte pesimista sobre a posibilidade de pechar algo en plena fin de semana, pero adiantou que «la semana que viene la cosa cogerá velocidad. El Arousa no se va a quedar con los brazos cruzados».

En paralelo, preguntado ao respecto, o técnico declarou que «no tiene ningún sentido pensar en más salidas. Los jugadores que están los consideramos vitales para conseguir nuestro objetivo».