Todas as voces que fan «Galicia Fermosa»

AROUSA

Cedida

O vindeiro sábado, polo auditorio de Vilagarcía pasarán máis de trinta artistas en memoria do músico carrilexo Juan Vidal Lemiña

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un libro, un CD e un espectáculo no que todo o mundo quixo estar. Esa é a homenaxe que Vilagarcía decidiu rendirlle ao autor carrilexo Juan Vidal Lemiña, «Nito». Un home ao que os galegos lle debemos algunhas desas cancións que forman parte do noso cancioneiro popular, da nosa xenética musical. «Carril Xeitoso», «Lonxe», «Me vou en bote», «Galicia e Cuba» ou «Fontecarmoa» son algúns dos títulos que naceron, quizais, da morriña que o carrilexo debeu de sentir durante os seus anos de emigrante no País Vasco.

Xunto o seu trío «Los Soberanos» tamén compuxo outras pezas, como «El Pegaso», unha canción que chegou a ser moi popular na súa época. De volta á súa localidade natal, Lemiña foi quen de crear o coro «Alento do Carril» e, máis tarde, o Coro de Fontecarmoa.

Está claro que a Juan Vidal Lemiña lle debe o universo musical da comarca moito. Por esa razón, Vilagarcía decidiu renderlle homenaxe. Fíxoo a través do proxecto «Galicia Fermosa».

Será o vindeiro sábado, día 18, no auditorio municipal e, con tal motivo, se subirán ao escenario máis de trinta artistas comandados polo tamén músico e fillo de Juan Vidal, Pablo Vidal. A lista de nomes e longa e está chea de primeiras figuras. Apunten: na homenaxe estarán o gaiteiro Cristian Silva, Josito Porto, Uxía, Clara Pino, Yolanda Vázquez, Sapoconcho, Gaspar Somoza, Ysied, Willy Mondeja, Sabela Dacal, Rafa Otero, Xosé Lois Lucio e o Coro de Carril...

Outros artistas, coma o catoirense Roi Casal ou o vilagarcián Dani Barreiro non poderán asistir a esta cita por motivos profesionais. Pero tamén eles se teñen sumado a este recordo a Juan Vidal Lemiña, xa que no seu día participaron no CD editado polo Concello de Vilagarcía, ao igual que un libro con motivo da homenaxe. Tanto o CD coma o libro poderán adquirirse gratuitamente, ao igual que as entradas-invitacións para a gala. Estas poderán retirarse de balde dende este luns tanto no auditorio de Vilagarcía coma na sociedade do Gato Negro, no Carril, segundo informou onte Ravella.