A Federación Internacional inclúe o Descenso do Río Umia no seu calendario

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A nova causou unha profunda ledicia en Ribadumia

10 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os responsables do Club Náutico O Muíño de Ribadumia manifestaban na tarde de onte a súa ledicia ao descubrir que a Federación Internacional de Piragüismo lle concedía á Baixada do Río Umia, a proba que organiza cada mes de xuño, o cualificativo de Internacional na súa vixésimo sexta edición, o 14 de xuño do presente ano.

A do Salnés será, de feito, a primeira da ducia de probas españolas incluídas no calendario oficial da modalidade de longa distancia da Federación Internacional. Cinco delas, en augas da provincia de Pontevedra. Comezando pola do Río Umia, e continuando polo Trofeo Entre Pontes, o 11 de xullo en Pontevedra, o Descenso do Río Miño, o 15 de agosto en Tui, o Trofeo Princesa de Asturias, o 16 de agosto en Portonovo, e a Travesía Rías Baixas-Premio Deputación de Pontevedra, o 19 de decembro na cidade do Lérez. Todos, como a regata que organiza o Náutico O Muíño, coa palabra Internacional nos seus nomes.

Desde o club de Ribadumia acompañábase onte a publicación da feliz nova nas súas redes sociais asumindo a responsabilidade que leva aparellada: «Sen dubida un novo paso á fronte en mellorar este evento, que cumprirá este ano 26 edicións».