Vilagarcía abrirá o domingo a Liga Galega de Mushing

Mushing O Kennel Den de Catoira e o Concello da capital arousá organizan por cuarto ano a proba no monte de Renza


A capacidade de Vilagarcía de Arousa para servir de escenario a probas deportivas da máis diversa pelaxe e nivel está de sobra testada. Con competicións como a que na mañá do vindeiro domingo se desenvolverá nun circuito de 4,5 quilómetros en Renza, en terreos das comunidades de montes de Sobrán e de András. A cuarta edición do Mushing Vilagarcía de Arousa servirá de inicio ao calendario da Liga Galega do deporte que une humano e can nun equipo. Unha Liga Galega que chegou a moverse na media ducia de probas durante boa parte da súa existencia, reducida tristemente na tempada 2019/20 a tan só dúas carreiras, a arousá, e a programada para o 2 de febreiro en Rois.

Organizada polo club Kennel Den de Catoira e a Federación Galega de Deportes de Inverno coa colaboración do Concello da capital arousá, o IV Mushing Vilagarcía de Arousa contará con probas de canicrós, de bikejoring, de patín e de triciclo, ademais dunha última de relevos, con percorridos que van desde os 2 quilómetros aos 4,5.

Os deportistas están convocados ás oito da mañá para o obrigado control veterinario dos seus cans. Un control no que se confirmará que os animais cumpren unha serie de requisitos, entre os que figuran ter como mínimo 12 meses para o canicrós e 18 para o bikejoring e para o patín, pero sempre menos de 10 anos, levar postas as vacinas antirrábica, polivalente e tos das canceiras durante o último ano, a desparasitación interna selada e asinada nos últimos 6 meses, ou figurar na licenza de cans do deportista, ou no seu defecto, na licenza de cans doutro coa correspondente autorización deste último.

Ás 9.30 da mañá procederáse á saída do canicrós, a modalidade con maior número de inscritos, seis mulleres, 23 homes, e catro infantís. Ás 10.15 será a quenda dos competidores de bikejoring, con dezaseis aspirantes ao triunfo, ás 11 os de patín, con oito, ás 11.30 sairá o único inscrito na especialidade de triciclo, o deportista do Kennel Den Óscar Piñeiro Pérez, e como colofón; e ás 12 será a quenda dos relevos, con dous equipos do Zarkocan, e un do Team Senbal, do Kennel Den e do Acade. Unha modalidade esta última do máis vistosa, por canto require tres postas, con tres deportistas diferentes, unha primeira de canicrós, a segunda de bikejoring e a terceira de patín, e 2.000 metros por diante cada unha delas.

Mónica Touriño, favorita

Os dous líderes do Kennel Den, a catoirense Mónica Touriño e o vigués Óscar Piñeiro, parten como claros favoritos á vitoria na modalidade de canicrós, coa primeira revalidando entre os días 7 e 15 de decembro os títulos de campioa de España e de Galicia en Boborás e Redondela, respectivamente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Vilagarcía abrirá o domingo a Liga Galega de Mushing