Atlético Arousana e Umia confían en superar o curso na segunda volta

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O equipo vilagarcián busca unha atacante que supla as baixas de Tami e de Ruzo, reforzo que o veciño ribadumiense conseguíu en Yoli

04 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Primeira Nacional encara a última semana do parón navideño antes do reinicio da Liga, o 12 de xaneiro. Será coa primeira xornada da segunda volta, cos dous equipos arousáns obrigados a mellorar as súas prestacións para evitar a queima e repetir a vindeira campaña na categoría de bronce do balompé feminino español.

Quen peor o ten é o Atlético Arousana. O club decano do fútbol feminino da comarca pechou o 2019 celebrando os seus primeiros 25 anos co seu equipo de cabeceira ocupando o último posto da clasificación do Grupo 1 da Primeira Nacional. Un solitario triunfo, tres empates e nove derrotas deixan o cadro que dirixen Nando González e Moncho Roldeiro con tan só 6 puntos no seu casilleiro dos 39 disputados.

González referíase onte á primeira volta do seu equipo subliñando que «tivemos moitas dificultades». Por enriba de todas elas, as súas baixas na parcela ofensiva. E iso, porque as dúas futbolistas coas que o Arousana reforzara o seu ataque o pasado verán resultaron unha operación fallida. Tami, punta que viña de non disputar o último terzo da anterior tempada logo de cubrir os dous primeiros nas filas do Portonovo, tan só puido xogar un encontro antes de ter que deixar o club por razóns laborais, informa Nando. Ruzo, extremo incorporada do Mos, estivo ausente o primeiro mes de Liga polas súas obrigas como militar, e tras tres partidos, caeu lesionada dun menisco, sen que se saiba se vai poder volver xogar. Sen ambas o Arousana perdeu argumentos no campo, pagando máis caro aínda o seu gran debe: «Máis aló dos equipos de arriba, co resto estivemos aí, pero en momentos puntuais se nos escapan, sobre todo nos minutos finais». E así, o técnico lembra os empates finais do Oceja e do Gijón tras ir gañando 3-1 e 0-2, respectivamente, ou a derrota 1-2 co Victoria da Coruña encaixando dous tantos máis aló do minuto 90. Resultados estreitos que «nos fan crer que este tipo de partidos caian na segunda volta do noso lado, e que poidamos salvarnos». Permanencia que obrigará o Arousana a sumar outros entre 15 e 20 puntos, estima Nando. Con tal fin, o club está a tentar a fichaxe dunha dianteira.

Dianteira como a que vén de incorporar o veciño Umia na figura de Yoli, que estivo sen xogar a primeira parte do curso, tras acadar a tempada anterior o ascenso co Interrías. Unha futbolista chamada a suplir a Míriam Señoráns, que o pasado verán chegaba como fichaxe estrela á Bouza procedente do Atlético Arousana, e que leva moitas semanas sen adestrarse co Umia, co que non quere seguir xogando. As sucesivas lesións de Lidia, de Domi e de Rebeca lastraron o ataque ribadumiense, sinalaba onte o seu técnico, Tino Buján, que subliña como o seu equipo tivo que pasar de ser un equipo dominador -na Primeira Autonómica- a adaptarse a unha Liga «moi competitiva», na que avanza cuarto pola cola da táboa con 9 puntos, e fóra da zona de descenso por ter conseguido o goal average contra os seus rivais directos, agás co Arousana. Facerse fortes na casa, e axustar o nivel ofensivo son o camiño de Buján cara a permanencia.

fútbol