A lista prémium do deporte arousán

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida por la RFEP

Oito padexeiros e o regatista Jacobo García pecharon o 2019 no novo rexistro de deportistas de alto nivel de España e no reparto de axudas aos de categoría autonómica

03 ene 2020 . Actualizado a las 13:08 h.

1.438. Ese é o número de deportistas que veñen de obter a cualificación de alto nivel español no segundo e último listado do ano 2019, que o pasado 20 de decembro rubricaba a presidenta do Consejo Superior de Deportes, María José Rienda. Un listado no que figuran dez nomes con domicilio en Arousa, ou co seu club radicado na comarca. Nove padexeiros, e o regatista xuvenil vilagarcián Jacobo García García. Unha nómina cuxos integrantes comparten ademais, a excepción do meisino Iago Monteagudo Moraña, a participación no reparto das axudas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta correspondentes ao programa de Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN) 2019, publicada o último domingo do ano recén rematado.

O listado prémium reflicte a consolidación do piragüismo como a gran fonte de alimentación do deporte de alto nivel do Salnés e do Baixo Ulla. Nove dos dez arousáns na última relación asinada pola presidenta do CSD son padexeiros. A metade máis un pertencentes á disciplina do Breogán do Grove: os mecos Manuel Antonio Campos García, Tania Elizabeth Álvarez Yates e Natalia García Naveiro, Diego Romero Fraga, e o madrileño Noel Domínguez Martín, este último a piques de iniciar a súa quinta tempada no club arousán.

Xunto a eles, tamén do deporte da pa, aparecen nos dous últimos listados español e galego de deportistas de alto nivel o vilanovés do Náutico O Muíño Manuel Fontán Señoráns e a catoirense das Torres-Romaría Vikinga Carla Frieiro Carril, o meisino do Naval de Pontevedra Iago Monteagudo Moraña, e a canguesa do UCAM Murcia Teresa Portela, desde hai anos afincada no Grove, onde rexenta unha clínica de fisioterapia co seu marido meco David Mascato, e co que comparte unha filla, Naira.

A presenza de Teresa Portela nas listas de alto nivel, cun bronce mundial no K1 200 co que conseguíu praza para España nos Xogos Olímpicos de Tokio, os sextos do seu currículo en caso de gañar o correspondente selectivo nacional, vén de seu. Como a de Tono Campos, con seis podios nas outras tantas probas nas que competíu no Europeo e no Mundial de Maratón, incluídos tres títulos, nunha especialidade na que o seu compañeiro de C2, Diego Romero, e Tania Álvarez inscribiron tamén os seus nomes nas dúas grandes competicións da distancia longa.

Internacionais, pero de pista como Portela, foron tamén Natalia García, Iago Monteagudo, Noel Domínguez, Manuel Fontán e Carla Frieiro. Esta última encabezou os resultados do 2019 das novas promesas arousás co bronce mundial júnior no olímpico K1 500.

O único non padexeiro arousán nas dúas listas de alto nivel é o regatista xuvenil Jacobo García, subcampión europeo júnior de 420.