Roberto Fariña: «O Goberno de Madrid descoñece a realidade mar-industria da costa galega»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O presidente da Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos expresa a inquedanza do sector polos cambios previstos, e alerta sobre os efectos para o tecido económico de Arousa

29 dic 2019 . Actualizado a las 19:16 h.

A proposta de modificación do regulamento da Lei de Costas, que suxire unha redución a 15 anos das concesións na ribeira do mar, o que afectaría directamente a industrias, cocedeiros, criadeiros de bivalvos e depuradoras con instalacións emprazadas en zonas de dominio público marítimo terrestre, convulsionou ao sector mar-industria, que non dubidou en unirse e en mover ficha para evitar que o que agora é un borrador dun cambio normativo acabe materializándose. Constituíuse un grupo de traballo integrado por representantes de distintos ámbitos económicos afectados, entre os que se atopa o presidente da Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos, Roberto Fariña, quen, sen pretendelo, acabou converténdose nun voceiro das inquedanzas do sector.

-Levan meses de traballo, buscando o apoio dos concellos e solicitando reunións, conseguiron algún avance?

-Non logramos nada. Houbo unha reunión do Ministerio para la Transición Ecológica coa Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE), colectivos ecoloxistas e o secretario de Estado de Medio Ambiente para debater como vai ser a modificación do regulamento, pero vistos os resultados que nos comunicaron dende a CEOE o memorando é aínda máis restrictivo. A cousa non mellora, empeora. A duración máxima das concesións en zona de dominio público limítanse a 30 anos, que poden reducirse a 15 ou a tres. Figuran aspectos tan abstractos como os posibles efectos do cambio climático. Hai que medir o tempo das autorizacións con criterios obxectivos, non sobre hipóteses. Con 15 anos de concesión ninguén vai acometer inversións millonarias que vai ser incapaz de amortizar nese prazo. Buscamos unha seguridade xurídica.

-A que atribúen este interese pola modificación do artigo 135 do regulamento?

-O Goberno de Madrid descoñece a realidade mar-industria da costa galega. A nosa comunidade ten unha realidade distinta a do resto do territorio. Nós vivimos da pesca, do marisqueo, da acuicultura, da conserva. O ministerio ten que tomar conciencia da realidade de Galicia.

-Tiveron unha reunión na delegación do Goberno, serviu para explicar a realidade do litoral?

-Expuxemos as ideas e creo que ao final quedaron claras, pero houbo que explicar a relación mar-industria en Galicia. Calcúlase que o 50 % da economía galega procede do mar. Dende Madrid búscase que a costa sexa para uso recreativo, pero as empresas que temos aquí son sostibles. Eu fago unha pregunta: Que contamina máis, unha depuradora no interior á que hai que levar a auga en cisternas ou na costa? En Galicia non hai hoteis nas dunas. O ministerio non entende que a costa é moi diversa en Galicia.

-Enténdese que a actividade económica que se leva a cabo resulta prexudicial?

-Demostran que de ecoloxía saben bastante pouco. Os primeiros que buscamos a sostibilidade do mar somos nós, porque vivimos del. Din que a actividade pode exercerse nun polígono, pero se, por exemplo, o mexillón hai que cocelo no interior multiplicaríase o custe por tres e deixaría de ser competitivo.

-Esta situación de incerteza está a ter xa algún efecto nas rías de Arousa o Muros-Noia?

-Na ría de Arousa hai tres proxectos de inversión paralizados ata ver o que sucede. Gerardo Triñanes, membro da asociación de carpinteiros de ribeira (Agalcari), chamounos porque eles tamén están preocupados. En Barbanza, a situación é complicada porque hai moitas empresas vinculadas ao mar. Pero existe inquedanza en moitos lugares. As empresas teñen medo, varias teñen pendente a renovación das concesións. Este é un ámbito de actividade que crea moito emprego feminino. Non son empresas que causen problemas e teñen unha edificabilidade pequena. Se non poden continuar o seu labor iranse e o mercado non para. O baleiro que nós deixemos ocuparano outros. Vas a Portugal e xa che din que están interesados nas empresas do mar.

«Chegaremos ata o Parlamento se é necesario»

O presidente da entidade de depuradores recoñece que non é optimista: «Preocúpame porque se ve ameazado un sector»

-Mantiveron diversos contactos e presentaron alegacións á proposta, cal será o próximo paso?

-O vindeiro mes comezaremos a movernos. Chegaremos ata o Parlamento se é necesario. Os sindicatos entenden que isto supón un gran problema para Galicia. A CEOE está defendéndonos, pero trátase dunha entidade cun ámbito que vai máis alá de Galicia. Estamos agardando a resposta ás ultimas alegacións que presentamos. As mensaxes danse por escrito, e nos alegamos e non tivemos resposta.

-Pensa que na decisión do cambio normativo pode haber outros intereses, máis alá do argumento de conservación do litoral?

-Non sei. No verán dábamos por feito que a norma ía ser revisada e atopámonos con que non era así. Por riba, acúsannos de facer actos electoralistas pola moción en defensa do sector mar-industria que presentamos nos concellos para o seu debate nos plenos. Nós non falamos de política. En Boiro, a iniciativa levouna o PSOE e en Ribeira o PP, iso demostra que non é unha cuestión política. O que buscamos é seguridade xurídica.

-E a Consellería do Mar?

-A Consellería do Mar está preocupada e comunicouse con Madrid para pedir explicacións. Incluso fixo alegacións moi similares ás que presentamos os diferentes sectores.

-Existe unha plataforma que canaliza a reclamación?

-De xeito espontáneo formouse unha plataforma na que están a conserva, o sector da depuración, confrarías, sindicatos e empresas de acuicultura. Non houbo grandes movementos porque estamos á espera de ver como evoluciona todo, pero é moi posible que Galicia se mobilice.