As Rutas do Viño de Galicia crean unha web para vender a súa oferta turística

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

OSCAR VíFER

A plataforma permitirá mercar paquetes enoturísticos coa mesma facilidade coa que hoxe se compra un voo ou se reserva un hotel

22 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou este venres en Cambados cos representantes das cinco Rutas do Viño de Galicia un convenio que posibilitará a posta en marcha da plataforma on line de comercialización de experiencias enoturísticas que, segundo explicou, se converterá nunha oportunidade para o sector vitivinícola e turístico galego.

Esta nova plataforma permitirá mercar paquetes enoturísticos coa mesma facilidade e rapidez que a día de hoxe se pode reservar a través de Internet un voo ou un hotel. Empezará a funcionar o ano que está a piques de comezar.

No acto participaron o presidente da Ruta do Viño das Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; o presidente da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; o presidente

da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; e o tesoureiro da Ruta do Viño do Ribeiro, Francisco José Fernández, así como o representante do Cluster TIC Galicia Santiago Paz.Este explicou que nunha primeira fase a plataforma permitirá que os viaxeiros e os propios galegos teñan ao seu alcance, nun único sitio web, toda a información e oferta enogastronómica dispoñible no territorio que abarcan as denominacións de orixe vitivinícolas, así como os servizos complementarios.

Na segunda fase, os establecementos asociados ao enoturismo como adegas, restaurantes, aloxamentos, museos, guías, transportes e as propias asociacións da ruta dos viños poderán xestionar directamente e sen intermediarios os produtos que poñen á venda, informar da súa dispoñibilidade e crear ofertas especiais.