Saudarte, ou a expresión artística dunha mocidade sa

AROUSA

Martina Miser

A sala de exposicións do Auditorio Municipal de Vilagarcía volve servir de marco ás obras da mostra colectiva de estudantes da ESO promovida pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico

21 dic 2019 . Actualizado a las 19:54 h.

A sala de exposicións do Auditorio Municipal de Vilagarcía volve servir de marco ás obras dos artistas de Saudarte. Esa iniciativa promovida dezasete anos atrás pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico (FGCN), e que atopou no profesor de Historia da Arte do Instituto Miguel Ángel González de Carril Augusto Guede un comisario implicado en animar os alumnos da ESO da localidade a lanzarse á creación, reivindicada como ferramenta de cultivo dunha mocidade sa.

Desde onte, e ata o 11 de xaneiro, os visitantes á sala poderán coñecer 61 obras de medio cento de alumnos dos seis centros que imparten a ESO en Vilagarcía. O xerente da Fundación, Fernando Alonso, referíuse a Saudarte como «exemplo dun xeito intelixente e construtivo de tempo libre, que nos fai mellores persoas». Fíxoo rodeado de directivos da Fundación, pero tamén de entidades amigas como Cáritas, Lar ou Proxecto Home, ademais do director comercial do Porto, Alfonso González, e da concelleira de Cultura, Sonia Outón. Tamén de Iris Rey Gómez, alumna de Segundo de Bacherelato do instituto carrilexo e autora dun retrato en acrílico de Jon Nieve, personaxe de Xogos de Tronos, que declarou na apertura da exposición un «¡Me siento feliz!» por poder expoñer saído do corazón.