Carlos Álvarez e Judith Jáuregui, profesores de luxo do Centro Superior de Música

AROUSA

CEDIDA

No seu primeiro curso, o conservatorio de Valga presenta un programa de clases mestras e de actuacións dun elenco de primeiros espadas a nivel nacional e internacional

21 dic 2019 . Actualizado a las 19:54 h.

O Centro Superior de Música de Valga (CSM Galicia) arrincou este outono como o terceiro do seu nivel en Galicia de titularidade pública, sumándose aos xa existentes nas dúas grandes urbes galegas, Vigo e A Coruña. Os seus directores, Manuel Villar e Pere Molina, ofreceron onte unha nova mostra do que para unha localidade como a valguesa, de apenas 6.000 habitantes, supón dispoñer dun conservatorio de grao superior. Anunciando no Auditorio Municipal, en compaña do alcalde, José María Bello Maneiro, un listado de clases mestras e de concertos para o 2020 protagonizado por un elenco de primeiro nivel nacional, e internacional. Nel, Pere Molina salientou dous nomes: a concertista internacional de piano Judith Jáuregui, e o barítono Carlos Álvarez.

Sobre a primeira, o codirector do CSM Galicia subliñou que, ante o interese amosado por Molina na súa colaboración, a pianista fixo unha «nada habitual» excepción no modus operandi dos artistas do seu nivel, aceptando compartir os seus coñecementos o 27 de abril no Auditorio de Valga cos 40 alumnos da primeira promoción do Centro Superior de Música dous días antes da súa actuación en Pontevedra.

Reclamado nos mellores escenarios de canto do mundo, desde o Metropolitan de Nova Iorque ao Covent Garden de Londres, ou a Scala de Milán, o barítono malagueño Carlos Álvarez «recentemente chamoume dende o Covent Garden, onde está representando ‘Simón Boccanegra’, para propoñernos dúas datas para nós pese a ter pechada a súa axenda ata finais do 2022», contou Pere Molina.

Antes, este verá pasar a músicos convidados do nivel da soprano internacional Lorena Valero, o pianista Alejandro Casquero, e Ángel Luis Quintana, violonchelista solista da Orquestra Nacional de España, no Auditorio o 2 e 3 de febreiro; ou Conrado Moya, un dos mellores marimbistas do mundo, e Javier Eguillor, timbaleiro solista convidado no Conservatorio Superior de París, o 28 e 29 de marzo. Tamén estarán en Valga, o 4 e 5 de abril, Mikhail Pochekin, solista da Orquestra do Mariinski de San Petersburgo, e Vicente Alberola, clarinete solista da Mahler Chamber Orchestra.

As datas de cada actividade e as opcións de inscribirse nelas poden consultarse no apartado de eventos da web www.csmgalicia.com.

Máis aló disto, os alumnos do CSM ofrecerán desde xaneiro no Auditorio un concerto de balde cada último mércores de mes. Antes, a Orquestra de Jazz, o Ensemble de Clarinetes e o Combo de Música Moderna do Centro darán cadanseu concerto hoxe, o día 27 e o 3 de xaneiro en Área Central.