Greta, o pato Joyuyo e políticas públicas

óscar briones gamarra

AROUSA

TWITTER DE GRETA THUNBERG

Unha reflexión sobre o cambio climático e o imprescindible fenómeno de Greta Thunberg como ventá de oportunidade

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba eu preparando precisamente un traballo sobre a Axenda 2030 e a súa efectiva implantación nas axendas políticas cando, desconcentrándome totalmente, me atropela o efecto Greta Thunberg; e claro, se me vai a man á tecla. Tampouco me importou excesivamente, pois como dixo unha vez un profesor de universidade politólogo: «Pasamos o día por aquí, polos despachos da universidade, convencéndonos uns a outr@s, dando as nosas clases, e escribindo artigos moi técnicos e de categoría, que lemos tamén entre nos- mentres renunciamos ao impacto na sociedade e á transferencia de coñecemento». E tiña moita razón ao meu ver.

Non axudou tampouco o feito de que a miña filla de trece anos me largara unha perorata suscitando dúbidas sobre Greta. Dúbidas sobre as que transitara tamén eu días atrás, sobre a ampulosidade do seguimento mediático a Greta, sobre canto se pode faltar a clase no seu país ou sobre ata que punto pode ter tanto criterio alguén tan novo. Eu fixera antes esa travesía da dúbida, ata albiscar finalmente unha posición clara e nidia sobre a necesidade e a oportunidade de contar con Greta.

Comecei a rebater, tentando poñerme na pel da miña filla, esas asuncións de partida. E fíxeno en linguaxe próxima a ela para evitar que soara a pai dando a lata, pero dende a análise de políticas públicas, onde este tipo de fenómenos están amplamente documentados. En linguaxe intelixible para unha preadolescente lanceime a enlazar o fenómeno Greta co funcionamento e a definición dos problemas e as posibles solucións, cos resortes que permiten que uns problemas entren na axenda pública e outros non, coa política pública de non facer. tan xeneralizada cando o político ve o problema complexo e a solución aínda máis. Chegando así, gradualmente, ao que en políticas públicas se coñece como unha policy window ou ventá de oportunidade.

O impacto mediático é unha causa contrastada para a aparición desas opcións, desas ventás que nos permiten salvar aos cancerbeiros ou gardiáns da axenda -como se denominan tecnicamente- introducindo así a definición concreta dun problema entre as prioridades públicas. Greta -e ela mesma recoñece ser case unha mártir mediática necesaria en pos do fin último- é a nosa ventá de oportunidade para introducir e consolidar o problema medioambiental nas axendas públicas, e penso que así debe entenderse. Pero ollo á evidencia científica, a axenda é dinámica, e os problemas entran e saen dela, non permanecen invariablemente. O medio ambiente que nos queda (se chama medio ambiente quizais porque medio xa está destruído) debe deixar de estar entre as últimas preocupacións da cidadanía, e se para iso ten que vir Greta e outras Gretas, benvidas señan. Teñan 16 ou 86 anos.

Hai cosa dun ano, os fillos duns amigos, de 7 e 9 anos, cos que comparto conversas sobre fauna -os adultos míranme raro, así que me encomendo a eles para falar destes temas- corrixíronme cando estabamos vendo paxaros en pleno casco urbano no río do Con en Vilagarcía: «Mirade un pato mandarín, que estraño que estea por aquí pois son de China», ao que eles me responderon: «No, es el pato Joyuyo». Dende o supremacismo cretino da idade adulta rinme pensando: «que simpáticos, el pato Joyuyo». Días despois, a nai deles, amiga miña, explicoume que non me estaban a vacilar, que mirara en Internet. E si, aí estaba, na páxina de SEO BIRD, como ave orixinaria de california (EE. UU.) e agora -diría eu- afeito a Vilagarcía como residencia habitual. Co espírito inquedo, marchei a traballar a Pontevedra ao día seguinte, tendo que aparcar na zona da ribeira, na beira da ría. Ao chegar, aínda cos ollos pegados, acertei a ver unhas aves grandes como ocas, que parecían gansos… E gansos en Galicia non hai, ata aí chego. Fíxenlles fotos ata que me botaron de alí -na agresividade parécense ás curmáns domésticas, as ocas- e comprobei logo en Internet que eran unha colonia de gansos do Nilo, que de África decidiron quedar en Pontevedra como residencia habitual, e que mesmo a Policía Local os tivera que protexer nas súas andainas urbanas.

Xa que logo, máis preocupado aínda, marchei de fin de semana para Cospeito, na Terra Cha, nunha casiña illada da civilización. Alí, co solpor do día, repito sempre o mesmo ritual, abrir unha cervexa observando como remata a xornada o indestrutible tractor Lamborghini do veciño, recollendo herba para as bestas. Ese día, ata oito cegoñas seguíano en procesión comendo o bicherío ao seu paso. Cegoñas desas que en EXB nos dicían que, guiadas por campos magnéticos, viñan pasar o verán escapando do calor de Marrocos, para volver aló no inverno. Pois xa son de Cospeito, pero de toda a vida. Agora, neguemos a importancia do cambio climático que xa se encargará el de chamar á porta.

Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo. Observatorio da Gobernanza