«Os autónomos non podemos seguir sendo os 'pagafantas' desta inxustificada desvergonza»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Entrevista a Eduardo Abad Sabarís, presidente de UPTA España, pola inminente polémica nova subida na AP-9

17 dic 2019 . Actualizado a las 12:24 h.

O vilagarcián Eduardo Abad Sabarís é, dende a presidencia de UPTA España, un dos principais impulsores da plataforma contra a suba das peaxes na AP-9.

-Como nace esta idea?

-Parte dunha reflexión de Agtamar, UPTA e APE Galicia sobre a pasividade total das Administracións involucradas nesta nova e inxustificada desvergonza no afán recadador de Audasa. Pero tamén do consentimento por parte do Goberno da nación e da pasividade da Xunta. Non esquezamos que foi a Xunta a que renovou o contrato da autoestrada, que estaba practicamente finalizado no 2015, e que o fixo practicamente dun día para outro. Ollo, non se trata de que ninguén nos empregue como arma política. Trátase de que teremos que aturar en Galicia unha suba das peaxes do 2,64 % fronte ao 1% de media no resto do Estado.

-Pode un autónomo que traballe en Arousa soportar esta suba?

-É insostible. Os autónomos do sector do transporte, pero tamén os que precisan transportar as súas propias mercancías, pagan a través das súas taxas e impostos a necesidade dun vehículo especial. Resulta que agora, no canto de traballar para que a nosa competitividade medre e procurar unha flexibilización na fiscalidade, o que facemos é afrontar uns prezos desmesurados na única vía que cruza Galicia de norte a sur. Mire, en novembro desapareceron cincocentos profesionais autónomos en Galicia, e outros tantos en decembro. En Arousa falamos de case 250 postos que desapareceron en dous meses. É o noso sector o que produce riqueza en Galicia, nos seus pobos , vilas e cidades, e tamén os que realmente teremos que loitar para recompoñer esta barbaridade. Insisto, non podemos seguir sendo os pagafantas desta inxustificada desvergonza.

-Dende logo, a iniciativa está resoando. Nesta bisbarra temos o caso de FECA, por exemplo.

-Así é, FECA púxose xa en contacto con nós. APE Galicia forma parte do clúster principal dentro desa plataforma. Pero outros colectivos e organizacións, efectivamente, amosan a súa intención de facer unha gran reunión a finais de xaneiro para tomar decisións sobre a interlocución política, e tamén sobre o eido reivindicativo. Os galegos non merecemos acabarlle pagando a Audasa 1.400 millóns de euros por un investimento real de apenas 200 millóns. Para que, aínda por riba, con estes incrementos indiscriminados, se estea obrigando aos profesionais a optar por vías secundarias para aforrar, arriscando deste xeito a súa seguridade.