«A Krazzy vai durar 20 anos máis»

Carlos Crespo CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A sala cambadesa celebra esta fin de semana o seu primeiro aniversario con varios concertos gratuítos

13 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai un ano Gustavo Rey abriu a Krazzy Kray como sala de concertos sabía que era unha aposta arriscada, que había moito camiño por andar e que non serían poucos os atrancos. A golpe de ilusión e esforzo a Krazzy foi atopando o seu lugar, cunha programación de 50 concertos con grupos galegos, do resto de España, de Inglaterra, de Estados Unidos e de Portugal. Non podía haber entón outro xeito mellor de celebrar o seu primeiro aniversario que ofrecendo máis música en directo.

-Cal é o balance deste primeiro ano de vida da Krazzy?

-Non se cumpriron as expectativas pero aínda así estou satisfeito. Estou facendo algo que me gusta.

-Por que cre que non se cumpriron esas expectativas?

-Home, a asistencia aos concertos foi moito menor da esperada. As razóns? Supoño que a falta de interese por abrir as orellas e escoitar cousas novas e que á xente lle costa pagar 5 pavos por ver a unha banda. O de que a música custa cartos aínda estamos moi lonxe de pillalo.

-Segue habendo espazo en Cambados para unha sala de concertos?

-Non, neste ano dinme conta de que non.

-Está en perigo a continuidade da Krazzy?

-Para nada. A Krazzy vai durar vinte anos. É certo que eu pago os concertos coas copas que vendo ás 5 da mañá. Pero mentres ese balance se manteña aí seguiremos, a ver se cambia o rumbo. De feito nestes últimos concertos xa se está a ver que hai un grupiño cada vez maior de xente concienciada e fiel.

-Algunha satisfacción tamén lle daría a sala neste ano.

-Moitísimas. Todos os agradecementos que recibín por parte dos grupos, os incribles bolazos que houbo e, sobre todo, a satisfacción de saber que estou facendo algo construtivo que a min me realiza e que pode ser útil no futuro para a industria na que eu me quero mover, que é a da música.

-Quen lle fixo especial ilusión que tocara na sala?

-Non son eu moi mitómano nin teño unha banda fetiche. Juzz fixeron un super bolazo. Se cadra foi o mellor que pasou por alí este ano.

-A quen lle gustaría levar no 2020?

-Estiven a piques de traer a Derby Motoreta’s Burrito Kachimba. Agora xa o vexo complicado. Mólame moito un grupo catalán que se chama Chaqueta de Chándal. Eses si que poden caer. E dame que é a mítica banda da que dentro duns anos diremos «flipa, esa estivo na Krazzy».

-Musicalmente a sala seguirá a manter a liña deste primeiro ano?

-E que cal foi a liña? Tivemos de todo. Eu non estou pechado a ningún tipo de música nin de clientela. Si que é posible que este año teña algo máis de presenza o rap e algunhas propostas de música latina feita en Galicia.