Alonso Montero: «Entrei na URSS con pasaporte falso co nome de Alonso Quijano»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

AROUSA

Xoan Carlos Gil

O canteiro Petouto foi o seu mentor político, o que lle descubriu os ideais humanos

09 dic 2019 . Actualizado a las 22:47 h.

A única vez que Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) sentiuse cómodo na dereita foi cando construía como interior o xogo do seu equipo de fútbol na facultade en Madrid. Sempre estivo a esquerda, comunista para máis acenos, aínda que os seus país fosen os que máis mollos (equivalente a 132 litros cada un) de viño recollían no Ribeiro nos anos trinta. A produción vinícola emcumbraba á familia ao máis alto do entramado social da comarca. «Eramos ricos», di en comparación coas outras casas do entorno. O capital reunido levou ao pai a seguir o sono vigués e abrir o bar El Recreo, en Urzaiz, fronte á congregación das Siervas de Jesús. Pero a guerra levou á familia Alonso Montero a voltar á aldea. Era 1938 e o campo daba máis garantías de supervivencia que a cidade.

«Eu non sabía falar galego, aínda que o meu pai falaba un castelán patético», di o profesor, lembrando unha das súas primeiras impresións ao chegar ao campo. É prodixiosa a súa memoria aos 91 anos, nos que as escasas lagoas tapaas con imaxinación literaria. «O meu compañeiro de pupitre na aldea non toleraba que eu, que andaba cos pantalóns remendados, zocas e comía con bolo de millo pesado, falase castelán». Impactoulle a consideración, tanto como o cántico dunha manifestación que uns anos antes entroulle polos ollos e os oídos en maio do 36 tralo triunfo da Frente Popular. «‘Uníos hermanos proletarios’, cantaban os que alí marchaban por Vigo, co meu irmán á cabeza». A Internacional foi a primeira canción que aprendeu el. Eran os anos do golpe de Estado de Franco. Nunca esquecerá o nome do primeiro martir da guerra en Vigo. «Chamábase Lenín. Aquí o til poñíase no i. Lenín Moreda. Tería catorce ou quince anos. Foi o día no que o capitán Carreró leu o bando na Porta do Sol. Había xente protestando e adiante había rapaces. Os militares golpistas abriron fogo e o mataron».

Xesús Alonso Montero considérase político («político sen cargo») aínda que en 1977 presentouse as eleccións ao Congreso por Lugo, onde traballaba entón como profesor de instituto. A política entroulle definitivamente tralos episodios vigueses por quen considera o seu mentor, o canteiro Petouto, «que traballaba na nosa casa e que era do PCE aínque que el non o sabía. ‘Teríamos que utilizar a intelixencia para que non haxa pobres no mundo’, díxome. Esa foi a miña primeira lección».