«En vez de falar de Carolina como artista, fálase dela como puta»

AROUSA

CEDIDA

O escritor de Valga presenta no Culturgal o seu traballo «Eu son Carolina», sobre a máis famosa das súas veciñas

30 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Javier estudaba o segundo curso da ESO atopouse un día embarcado nunha conversa cuns compañeiros sobre a Bella Otero. El, coma boa parte dos seus veciños, tiña unha visión moi sesgada de tan relevante figura. «Pensabamos que era unha prostituta». Pero un mestre que os escoitou deulles un punto de vista completamente distinto: o da artista talentosa que foi quen de conquistar un mundo aparentemente inalcanzable para unha nena dunha aldea remota. Dende aquela, Javier deulle moitas voltas á figura de Carolina. E acabou reflectindo todo o pensado en «Eu son Carolina», un ensaio feminista que mañá se presentará no Culturgal (12.30 horas).

-¿Por que se decidiu a escribrir este ensaio?

-O certo é que o fixen cunha dose de culpabilidade e outra de gratitude. Eu no pasado, cuestionei moito a forma de vivir de Carolina, e por iso sentíame culpable. Pero a través das palabras conseguín reconciliarme con ela, como veciña, como muller, como artista. E iso xera gratitude.

-Tivo que cambiar a súa mirada...

-O libro parte de dous puntos, de dúas ideas. Por unha banda, está esa figura de Carolina, denostada polo seu pobo, vítima de violencia machista física, porque foi violada con once anos; psicolóxica, porque foi culpabilizada daquela violación; social, porque sempre se cuestionou a súa valía artística, se minimizou o seu talento e se puxo o foco sobre as súas supostas relacións... Hoxe, en vez de falar de Carolina Otero como artista, fálase dela como puta. E a miña pregunta é, para comezar, ¿realmente sabemos se foi prostituta ou non? Eu quixen poñer un pouco o foco na incosistencia da historia que nos contaron sempre. Porque os datos que temos seguros son que Carolina Otero encheu teatros, cantou óperas importantes, fixo cine e foi musa los Lumiere, fixo publicidade....

-E dicir, que pode máis a lenda que os feitos.

-E que ao final non deixa de ser iso, unha lenda. Non hai probas que ratifiquen todas esas historias. Eu pregúntome: se no sitio de falar de Carolina falásemos dun tal Carlos, ¿o discurso sería o mesmo? Eu penso que non. Diríamos del que foi un gran cantante, un gran artista, que tiña moitísimo talento... E como era activo sexualmente, diríamos tamén que era un machote, un conquistador. Iso é o que emana da estrutura patriarcal da sociedade. De feito, eu a Carolina considéroa precursora do empoderamento feminino, nun contexto social, o do cambio do século dezanove ao vinte, no que a conciencia da igualdade non existía. Gustaríame que Carolina puidera vivir agora, nestes tempos nos que, malia todo, persoas que pertencemos a colectivos distintos podemos sentarnos e falar sobre diversos temas, sobre a igualdade, sobre a muller. Creo que ela sería unha gran lideresa nestes momentos.

-Sempre lle chama Carolina. ¿Nunca se refire a ela como a Bella Otero?

-Vin moitas postais da época asinadas por ela. E sempre asinaba como C. Otero, ou como Otero. Nunca como a Bella Otero. Por iso escollín este título para o libro, tíveno claro dende o principo. Como unha forma de reivindicación do nome.