O Sergas recuperará en sete días o pediatra compartido polos centros de saúde de Meis e de Meaño

pablo penedo / Rosa Estévez MEIS / MEAÑO / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Giráldez amósase disconforme cunha nova que soubo pola prensa; Viéitez, informado hai unha semana, ve un logro

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A área sanitaria de Pontevedra e do Salnés anunciou na mañá de onte que os veciños de Meis e de Meaño volverán contar desde o 4 de decembro con servizo de pediatría sen ter que saír dos seus respectivos concellos. O mércores da vindeira semana, informa a sección territorial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), incorporarase aos centros de saúde de Mosteiro e de Dena un médico especialista que pasará consulta media xornada en cada un deles, de luns a venres.

Desde o Sergas sinálase que a medida permitirá recuperar a cobertura pediátrica da que dispoñían os cidadáns das dúas localidades ata que o pasado mes de outubro a facultativa que ocupaba o posto deixou vacante a praza, ao conseguir outra noutro destino no concurso aberto permanente do Sergas.

No ente responsable da política sanitaria da Xunta de Galicia fan fincapé en que a de pediatría é neste momento unha especialidade con paro cero, non só en Galicia, senón tamén noutras comunidades autónomas. Un dato no que se amparan para explicar a tardanza en recuperar o pediatra compartido nos centros de saúde de Meis e de Meaño.

Co inminente reinicio do servizo as nais e os pais dos dous concellos do Salnés poderán deixar de ter que desprazarse a localidades próximas para que os seus fillos poidan recibir atención médica dun especialista infantil, como se viron forzados a facer nestes dous últimos meses. Unha situación esta moi difícil de comprender, e non digamos de compartir e de asumir pola poboación dun país cunha Administración que se segue a gabar de contar cun dos mellores sistemas de saúde do planeta.

Nesta liña, a do descontento de boa parte dos seus veciños, manifestábase onte a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez. Fíxoo despois de criticar as formas do Sergas, cualificando de «vergoñento ter que coñecer polos medios» a recuperación do pediatra a media xornada de luns a venres, e máis «cando temos pedido en reiteradas ocasións á Consellería de Sanidade que nos informe de calquera novidade no tema», e cando «nin no centro de saúde de Mosteiro, nin os facultativos que figuran primeiros nas listas do Sergas, saben nada», sostén Giráldez.

Xa no que concirne propiamente á medida anunciada pola área sanitaria de Pontevedra e do Salnés, a rexedora meisina pona en cuestión: «Non é suficiente para cubrir as necesidades dos veciños de Meis. Vou poñer esta medida a remollo. Non me fío. Paréceme unha tomadura de pelo, tanto para os veciños como para os facultativos, que van ter que pasar unha boa parte da súa xornada de traballo no coche».

Ao igual cá súa homóloga de Meis, o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, sinala ter estado en contacto continuo co Sergas para conseguir a recuperación do servizo de pediatría na súa localidade. Pero no seu caso, conta, «hai unha semana que o xerente da área me comunicou a reposición do especialista na primeira semana de decembro».

Fronte á postura de Marta Giráldez, o rexedor expulsado do PP amósase máis comprensivo co Sergas: «Dada a dificultade de atopar pediatras, é un logro bastante importante que os pais e as nais de Meaño poidan levar os seus nenos de novo ao seu centro de saúde. Que se pode mellorar? Tentaremos que así sexa; pero, dada a situación, é unha boa nova».