A Federación Galega fará un estudo das varandas dos campos e como reducir o seu perigo para o xogador

AROUSA

MONICA IRAGO

Fútbol | A través dos seus delegados territoriais e dos árbitros radiografará as instalacións da comunidade, para ver de fixar logo posibles solucións

27 nov 2019 . Actualizado a las 22:32 h.

A preocupación de moitos, cando non de boa parte dos responsables do fútbol afeccionado e de base pola seguridade dos xogadores ante o estado das varandas metálicas que delimitan a inmensa maioría dos campos tivo eco na Real Federación Galega de Fútbol. O ente encargado de regulamentar na comunidade os elementos integrados nun terreo de xogo, así como as súas medidas, composición e disposición, vén de mover ficha esta semana. Na súa xuntanza do luns, a xunta directiva que preside o ribadumiense Rafael Louzán incluíu o asunto na súa axenda de traballo. E os reitores do balompé galego entenderon a necesidade de abordar a cuestión co fin de elevar o grao de protección dos futbolistas, tanto durante os partidos, como á hora de adestrarse.

Con este obxectivo, a xunta directiva da RFGF acordou o luns a elaboración dun estudo in situ en toda Galicia do estado no que se atopan tanto as varandas perimetrais, como as porterías de Fútbol 8 que soen ocupar ancoradas os laterais dos campos. Dous elementos que confluíron dúas semanas atrás no partido de cadetes entre a E.F.B. Vilanova e o Arousa B no campo de San Miguel de Deiro, cun dos futbolistas do cadro vilagarcián levando o medo aos corpos de todos os presentes cando se golpeaba o peito contra a suxeición dunha desas porterías de F-8, rebotando contra a varanda lateral e perdendo o sentido por uns momentos. Afortunadamente a cousa quedou nun susto. Pero xa son demasiados os sustos semellantes a este que se suceden tempada tras tempada ao longo e ao ancho da xeografía galega. E así o entende a Federación.

Preguntados polo problema a modo de mostra por La Voz de Galicia, media ducia de coordinadores de clubs arousáns coincidían a semana pasada en alertar do perigo das apuntadas estruturas metálicas arredor dos terreos de xogo. Máis dun pedíu a súa eliminación. Algún falou de acolchalas. E como mal menor, reclamaron o seu retranqueo máis aló do metro e medio mínimo que hoxe estipula o regulamento.

Determinar cal ou cales son as mellores solucións será a segunda parte do estudo que en cuestión de poucas semanas porá en marcha a Federación Galega. Para chegar ata aí, o ente tirará dos seus delegados territoriais e mais dos árbitros para, aproveitando a celebración dos partidos semanais das diferentes ligas de fútbol base e afeccionado, coñecer o estado real de cada campo hoxe habilitado para a práctica do fútbol federado en Galicia. Desde a distancia entre as liñas que delimitan o terreo de xogo e as varandas perimetrais, ata o seu grao de mantemento e ou deterioro.

Os clubs, con voz e con voto

Completado o traballo, a xunta directiva da Federación Galega trasladarálle o estudo e as súas conclusións aos integrantes dos seus comités de fútbol base e de fútbol afeccionado, entre eles representantes de clubs de toda a comunidade. Co informe sobre a mesa, serán estes comités os que decidan na súa vindeira xuntanza, prevista para a próxima primavera, que medida ou medidas tomar de cara ao incremento da seguridade da inmensa maioría dos futbolistas galegos.

Ampliar os mínimos da norma do Consejo Superior de Deportes

Desde a Federación Galega transmiten a preocupación que, desde o seu primeiro día á fronte do ente, mantén o seu presidente pola mellora das instalacións da comunidade, en especial aquelas que inciden sobre a seguridade dos que lle dan sentido ao balompé: os futbolistas. É por iso que Rafael Louzán e a súa xunta directiva entenden casos como o sufrido dúas semanas atrás por un cadete do Arousa como avisos que non se deben deixar de escoitar.

Así as cousas, semella que no ente reitor do fútbol galego comeza a estenderse a convicción de que chegou o momento de ir máis aló das normas NIDE do Consejo Superior de Deportes, que a RFGF tomou como referencia á hora de regulamenar as varandas perimetrais dos campos baixo a súa supervisión. Unha norma para as categorías de fútbol base e afeccionado que fixa nun mínimo de 1,5 metros a separación destas das liñas de xogo, recomendando 2,5 no caso dos fondos do campo. Cando estas medidas son menores, en instalacións antigas, e Federación Galega recomenda o acolchado das varandas a fin de evitar posibles traumatismos graves.