O insospeitado goleador, ou outro sinal de que os tempos da promoción volven ser chegados

O defensa vigués, que non marcara en Liga nos seus dez anos anteriores na Terceira e Segunda B, leva xa dous tantos no equipo vilagarcián


As once xornadas consecutivas en positivo do Arousa fan soñar a súa sufrida afección con que si, desta volta poderá gozar do seu equipo nunha promoción a Segunda División B que non pisa desde hai xa un cuarto de século. Quinto clasificado con 26 puntos, a tiro dun do cuarto na táboa, o Deportivo B, e a seis dun Compostela, segundo, ao que visitará este domingo, o cadro arlequinado dispón do máximo creto entre os seus seareiros, máis inda pola solidez que emana da inmensa maioría das comparecencias semanais do colectivo que dirixe Rafa Sáez. Hai, pois, abundantes sinais de que os tempos de promoción volven ser chegados. E non só a nivel grupal.

Corría o minuto 29 do partido no exilio do Salvador Otero cando, no medio do temporal, Sergio Cotilla Martínez (Vigo, 19/III/1992) abría fogo no combate máis naval que en terra entre o Arousa e o Alondras. O lateral esquerdo arlequinado superaba a furia do vento e da choiva para perforar cun canonazo a 30 metros de distancia a portería do Alondras. Era o 1-0, que o visitante Pablo igualaría pouco despois, no minuto 33, e sobre o que se asentou o triunfo arousán co tanto de Manu Rodríguez no 63.

O do pasado domingo foi o segundo gol de Coti en Liga nos seus once anos como futbolista de Terceira División e de Segunda B. O anterior marcábao un mes atrás, o 20 de outubro, no campo Alcalde Manuel Candocia, salvando un valioso punto na visita dos de Rafa Sáez á U. D. Somozas. Era o 1-1 definitivo, no minuto 63. Unha diana «parecida á da Illa, nun tiro desde fóra da área, un pouco máis esquinado», lembraba onte o lateral.

«Marcara en partidos da Copa Federación, e en amigables, pero este é o primeiro ano que marco en Liga» desde que completou a súa etapa de formación, di Coti. Antes, dez tempadas en branco, todas no Rápido de Bouzas, a primeira compaxinando o cadro de División de Honra Xuvenil co do primeiro equipo, con todo o aprendido na canteira do Celta servíndolle a el, e ao seu novo club. O nunca visto na xa dilatada carreira do xogador vigués, que tivo que chegar ao vestiario da Lomba para experimentar o que lle dá o gol ao seu autor: «A verdade, é algo moi bonito».

Tras o xurdimento do insospeitado xa bigoleador arlequinado atópase a sombra do adestrador pontevedrés e o seu manexo da maquinaria do Arousa. Así, Coti atribúe a súa produción ofensiva «á liberdade que me dá Rafa para subir. A Rafa gústalle moito xogar cos laterais arriba. Eu nunca xogara con tanta liberdade, estando máis preto da portería contraria, o que che dá a posibilidade dalgún remate. A proposta de Rafa é como me gusta xogar. Síntome moi cómodo», sentenza o defensa.

Antes de decidirse a asinar co Arousa o pasado verán, Coti desvela que «falei moito con Rafa. E vin con moi boas perspectivas. Dixérame que ía para un equipo de moito nivel para competir polo play-off, con moita afección detrás. O que Rafa me expuxo cumpriuse, e mesmo mellorado», di.

Fixo no once titular

A confianza do técnico arousista en Coti reflíctese na súa condición de único home en ter xogado a totalidade dos minutos de Liga xa consumidos xunto co seu compañeiro porteiro Manu Táboas. Unha confianza que, unida á extraordinaria traxectoria do equipo, leva o lateral esquerdo a comentar que «eu véxonos na fase de ascenso. Temos todas as condicións para estarmos arriba», sinala quen saldou con éxito a súa única experiencia na materia, tres anos atrás, no salto do Rápido de Bouzas á categoría de bronce do fútbol español. Con todo, Coti mantén os pés no chan: «Inda queda moito. O único obxectivo que nos marcamos é gañar o seguinte partido».

Adrián Gómez e Trapero, no derradeiro test de Galicia

A selección galega de fútbol afeccionado disputa esta tarde, a partir das sete e media no campo municipal da Estrada, o seu derradeiro partido de preparación de cara á súa participación, a vindeira semana, na primeira fase da Copa das Rexións UEFA na comarca de Arousa fronte a Ceuta e a Castela-A Mancha. O seleccionador galaico, Iván Cancela, volveu incluír, como a semana pasada no encontro contra o Compostela, os defensas do Arousa Adrián Gómez e Alberto Trapero na súa lista de 22 homes para o choque que hoxe mide a Galicia co C. D. Estradense. Nos vindeiros días Iván Cancela desvelará o nome dos 18 futbolistas que finalmente disputarán a Copa das Rexións UEFA.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O insospeitado goleador, ou outro sinal de que os tempos da promoción volven ser chegados