O mal tempo obriga a aprazar ata marzo o remate das obras no firme da autovía do Salnés

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

23 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A execución dos traballos de renovación do firme da autovía do Salnés veñen de ser suspendidos temporalmente ante as adversas condicións meteorolóxicas. «A magnitude desta intervención fixo considerar necesario pospoñer o remate das obras ata o mes de marzo, previsiblemente, para garantir a súa calidade e resultado das obras», segundo informa a Consellería de Infraestruturas. Nestes momentos as obras de renovación do pavimento acadan un grado de execución do 65 %.

A chuvia e as baixas temperaturas están a impedir unha boa execución dos traballos, cuxo resultado está moi condicionado pola humidade e as temperaturas. Trátase do estendido da nova capa de rodadura, que inclúe a súa aplicación en toda a lonxitude da AG-41 e nos ramais de enlace, e que se estenden á calzada completa para evitar a formación de xuntas lonxitudinais na mesma.

En sentido Sanxenxo, está realizado o estendido da capa de rodadura na calzada dereita, e tamén na calzada esquerda, sentido Curro, desde o fin da autovía en Sanxenxo ata o punto quilométrico 12+400. En paralelo, realizáronse os primeiros traballos de pintura e téñense pintado as liñas e frechas do tronco da vía, así como as liñas e cedas nos ramais. Tamén se foi instalando o balizamento con captafaros. Nos traballos avanzados queda pendente de pintar unha zona que está premarcada, do punto quilométrico 14+800 ao 12+400 na calzada esquerda, e que coincide cos últimos traballos de estendido de pavimento, que se pintará en canto deixe de chover.

A obra ten un orzamento de 5,1 millóns de euros.