O Sergas inviste 1,4 millóns de euros en novo equipamento na area do Salnés e de Pontevedra

p. penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

44 centros de atención primaria serán obxecto do investimento

16 nov 2019 . Actualizado a las 14:40 h.

O Servizo Galego de Saúde anunciou a mobilización de 1.421.000 euros en nova aparataxe e mobiliario para os 44 centros de atención primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e do Salnés. Renovación de equipos que, segundo o Sergas, comezará a facer efectiva de maneira progresiva a partir da vindeira semana.

Deses 1,4 millóns de euros, 539.350 están destinados a mesas de oficina e renovación de mobiliario auxiliar, mobiliario específico de oficina, dotación de carros de paradas, novos autoclaves e pulsioxímetros, e compras menores de diverso equipamento médico.

Os 881.969 euros restantes distribúense en seis lotes: holters de presión arterial, espirómetros, retinógrafos, ecógrafos, desfibriladores e electrocardiógrafos.

Reparto

Dentro da súa extensa nota informativa, o Sergas apenas singulariza o reparto do novo material por centro. Así, só concreta que entre os destinatarios dos 121.000 euros investidos en novos ecógrafos con sonda adicional endovaxinal figuran os centros de saúde de Cambados e o vilagarcián de San Roque, e que ambas localidades contarán tamén con algún dos 58 electrocardiógrafos que, cunha partida de 238.612 euros, se distribuirán entre nove puntos de atención continuada (PAC) da Área Sanitaria de Pontevedra e do Salnés, e no que tamén figura o do Grove. Asimesmo, dise que os 44 centros de saúde da Área contarán con cadanseu novo desfibrilador, e que as consultas de centros de saúde e hospitais da mesma se repartirán gradualmente 58 unidades de holter de presión arterial e 61 espirómetros.