O Cortegada encoméndase á liña de tres para sorprender o Canoe

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Baloncesto Rubén Domínguez segue sen poder dispoñer de Míriam

16 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pendente onte do parte meteorolóxico para fixar a hora e a ruta definitivas coas que chegar a Madrid, a expedición da Agrupación Deportiva Cortegada saía esta mañá desde Vilagarcía con destino á cancha do Sinergia Real Canoe N.C. Un novo compromiso ante un candidato a disputar a vindeira fase de ascenso á Liga Feminina, terceiro clasificado tras a sexta xornada de Liga co mesmo balance de 5 triunfos e 1 derrota do veciño Movistar Estudiantes, segundo na táboa tras o líder invicto GDKO Ibaizabal.

Ás 19.30 horas está previsto o inicio do encontro, con Rubén Domínguez dispoñendo por segunda semana de todos os seus efectivos agás Míriam. A escolta vilagarciá deberá seguir descansando ata o martes para recuperar o seu ombreiro lesionado, cunha pequena tendinite e bursite. Unha xogadora exterior menos para sacar adiante o plan que o técnico do Cortegada ten en mente xa non só para este encontro, senón para o longo da tempada, a fin de consolidar o crecemento do equipo, e que este se reflicta nunha franca recuperación a nivel clasificatorio.

Aproveitar a visita de hoxe ao Canoe para saír da zona de perigo, antepenúltimo cun único triunfo en seis partidos, pasa hoxe por elevar a produción arousá desde máis aló da liña de 6,75 fronte ao aro rival. «Tenemos que hacer más tiros de 3, para nivelar nuestro juego», declaraba na véspera Rubén Domínguez, quen salienta que o seu equipo está «trabajando bien, muy bien», e «teniendo cada vez mejores sensaciones, mejorando cada semana, sobre todo en defensa».

Consciente da fraxilidade que neste baloncesto moderno ten o vello mantra de que os partidos de baloncesto se gañan fundamentalmente fortificando o aro propio, o técnico do cadro vilagarcián é consciente do difícil que será aspirar a unha tempada digna continuando como o terceiro equipo -de 14- con menor número de lanzamentos triplos, 91, a unha media de 15 por encontro; e rexistrando ademais a undécima porcentaxe de acerto, de tan só un 27,5 %.

Enfronte, un Canoe que fai do lanzamento de 3 puntos un dos seus principais argumentos. Ata ser o terceiro conxunto do Grupo A da LF2 que máis tira deste recurso, con 147 intentos, isto é, 24 de promedio por partido. Un diferencial respecto ao Cortegada que lle permite con practicamente a mesma porcentaxe de acerto, 28,6 % fronte a 27,5 % das de Rubén Domínguez, ter sumado 51 puntos máis no que vai de campionato desde máis aló do 6,75.

O adestrador visitante falaba dun rival «que juega con mucho ritmo, con jugadoras talentosas, que juegan a penetrar, dividir, y o doblar para el triple, o buscar faltas de tiro bajo el aro», mentras en aro propio «son muy activas en defensa».

En este tipo de baloncesto, o Canoe ten na á-pívot Lucía Rodríguez o seu principal referente, con 16,5 puntos e con 4,8 rebotes de promedio por encontro abrindo a cancha para o seu equipo, no que se asocia coa aleiro Laura Prats, 11,7 puntos e 6,2 capturas por partido, e coa escolta Macarena Roldán, 12,8 e 6. As tres, como se ve nos seus números, moi implicadas en amarrar o rebote defensivo.